Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Obradoiros de R sobre novas tecnoloxías para os novos na meirande urbe

Ames. Os talleres crea R achéganse ata O Milladoiro este sábado cun plan didáctico pensado para os pequechos da casa e coas novas tecnoloxías e a innovación como os seus eixos centrais.

A idea básica é incidir na aprendizaxe e o emprendemento fomentando, de forma lúdica, as habelencias emocionais e sociais e a creatividade en nenos e nenas de 7 a 12 anos. Desenvolveranse entre as 11.00 e as 13.00 horas no antigo centro de saúde do Milladoiro e abordarán conceptos fundamentais de condutividade e electrónica; e aprenderán a deseñar tamén as bases dun sistema automatizado de rega.

En concreto, e coa colaboración da Oficina do Voluntariado de Ames, haberá tres propostas para os máis novos en función da súa idade. Por unha banda, Contos que cobran vida, para idades de 7 e 8 anos. Creando tinta condutiva aprenderán a integrar conceptos de electrónica con pilas e elementos condutores. Cando saiban como funcionan, artellarán un conto para, finalmente, engadir luces led á súa historia.

Por outra, o denominado Sala de operacións, para os de 9 e 10 anos. Neste, e sempre dun xeito educativo e divertido, crearase un xogo de operacións que deseñarán e programarán ao seu gusto para aprender conceptos básicos de condutividade e sinais dixitais, e tamén o funcionamento dun curtocircuíto, todo a través da chamada placa microbit e de diferentes elementos electrónicos.

E pra rematar, haberá outro obradoiro titulado Sistema de rega intelixente, para que os nenos e nenas de entre 10 e 12 anos aprendan a deseñar un sistema automatizado que detecta o nivel de humidade e a temperatura das plantas para saber cando deben regarse, baseándose en sensores de humidade, un sensor térmico integrado e unha placa controladora. Ademais, crearán, dunha maneira visual e amigable, un sistema que lles sirva para entender os datos obtidos.

Para apuntarse e coñecer máis detalles dos obradoiros crea R os interesados deben de entrar en internet (ligazón: blog.mundo-r.com/gl/quecheparece/talleres-crea-r). Ata a data foron máis de 3.300 rapaces os que recibiron formación tecnolóxica a través da operadora R. M.M.

13 oct 2022 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.