Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Volven as xornadas ‘Acércate á igualdade’ ata Ames // Negreira abre o seu certame a traballos de TikTok // Alumnos da Efa Piñeiral arzuá elaboran unha camiseta conmemorativa // Lousame pide fotos e vídeos para a Árbore do Bo Trato TEXTO A.C.

Obradoiros e actos para espertar conciencias contra o machismo

En 1960 tres activistas dominicanas, Patricia, Minerva e María Teresa Mirabal, foron brutalmente asasinadas, conservándose a efeméride, un 25 de novembro, na conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. E Área non é allea á necesidade de concienciar a nivel local con manifestos, cursos e actividades para plantarlle cara a esa lacra.

Así, e dentro da comarca compostelá, non van deixar tampouco de lembrar este xornada en Ames, onde ata o día 19 organizan as décimas Xornadas Acércate á Igualdade, con obradoiros sobre emprego ou coeducación ou ponencias como a de Aixa Permuy. Tamén o farán no Concello de Vedra o día 20 co vídeo-documental Vacínate contra a Desigualdade ás 20.00 horas na Nave da Estación do Tren,e o propio 25 lerase un manifesto ao aire libre, no velódromo municipal. A última das propostas (un escape feminista) queda momentáneamente aprazada.

Pola súa banda, Boqueixón celebrou esta fin de semana o seu acto central: a II Xornada de Sensibilización en Violencia contra a muller, que aglutinou actividades na casa da cultura de Camporrapado. A pesar de que aforo estivo reducido a 30 persoas, o resto de interesados puideron seguir a cita en streaming.

Tamén Melide se sumou ao 25 N un ano máis, e de feito, leva organizando actividades todo este mes. O propio día a radio municipal terá unha programación especial para denunciar esta lacra social e as mulleres da vila lerán un manifesto. Do mesmo xeito, o alumnado do centro de formación Efa Piñeiral, de Arzúa, están a elaborar unha camiseta con expresións machistas a erradicar.

En Negreira o CIM admite ata o día 23 traballos para X Concurso de relatos curtos e carteis gráficos Loita contra a violencia de xénero, aberto este ano á rede TikTok, sen esquecer que o Centro de información á Muller de Santa Comba e outros once participan na campaña Eu non (me) instalo (n)a trata contra a explotación sexual de mulleres que organiza a Deputación coruñesa como proxecto colectivo de sensibilización e creación artística coordinado por 7H Cooperativa Cultural xunto a Médicos do Mundo.

Xa no auditorio do Museo Valle-Inclán de A Pobra presentan este mércores 18, ás 13.30 horas, os actos polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no 25 de novembro, e en Ribeira o aparcadoiro do Centro de Raqueta Santa Uxía en Coroso está a dar cabida ao estand da Xunta do programa AgresiónOFF 2020: un punto informativo co que se pretende sensibilizar á poboación contra a violencia sexual.

Ademais, o Concello de Lousame vén de poñer en marcha a campaña para a prevención da violencia contra as mulleres A árbore do Bo Trato, unha iniciativa en liña aberta á participación de toda a veciñanza que emprega as novas tecnoloxías e evita as reunións pola covid. Consiste nunha imaxe simbólica dunha árbore, nesta ocasión unhas sobreiras da localidade de Seoane, das que irán brotando froitos en forma de propostas para a promoción do bo trato. Eses froitos serán vídeos, fotos con texto e imaxes con son da veciñanza que poderán enviarse por WhatsApp (689 126 385) ou wetransfer (nos@noscomunicacion.com).

Neste municipio da ría noiesa terá lugar nos próximos días unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame nunha data e modalidade aínda por determinar, xa que non se descarta que a fagan por videoconferencia como en anteriores citas.

18 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.