Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O volume busca dar a coñecer a tradición oral do Val do Ulla aos rapaces e ás rapazas dos últimos cursos de Primaria // Está composto por pasatempos e xogos para facer máis atractivo o contido // Inclúe lendas e refráns TEXTO Claudina Estévez

Obradoiros e un caderno de campo da man de Raiceiros

A Asociación Raiceiros (www.raiceiros.org) vén de iniciar a fase de difusión do proxecto Ulla oralmente, que inclúe a publicación dun caderno de campo e a realización de obradoiros en varios centros educativos ubicados no Val do Ulla.

O proxecto deuse a coñecer a través dunha presentación virtual cun convidado de luxo: Antonio Reigosa, investigador da cultura popular galega e coordinador do coñecido portal https://galiciaencantada.com. Traballa como responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística Provincial de Lugo e colabora en diversos medios de comunicación e revistas especializadas con numerosos traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral. É o cofundador do grupo de investigación etnográfica Chaira e coordinador da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas. En xaneiro de 2015 foi nomeado Cronista Oficial de Mondoñedo pola Corporación municipal dese mesmo concello.

Na súa charla, Reigosa, autor ou coautor de ducias de publicacións relacionadas coa cultura tradicional galega, salientou a necesidade de continuar mantendo a tradición oral como único xeito de que esa parte da cultura galega continúe viva, e animou a seguir traballando nese eido.

A continuación, Sofía Riveiro e Henrique Neira, que se encargaron da coordinación do caderno de campo que se editou co título Ulla oralmente, explicaron as súas características. O contido está orientado a dar a coñecer a tradición oral do Val do Ulla a rapazas e rapaces dos últimos cursos de Primaria, e para iso recolle adiviñas, cantigas, contos, lendas, historias antigas, xogos falados, ditos e refráns do Val do Ulla.

Ademais decidiuse incluír exemplos en cada unha das categorías, achegando pasatempos e xogos para facer máis atractivos os contidos, así como propostas para que o alumnado realice recollidas na súa contorna de contos, lendas ou calquera outra peza da cultura oral tradicional.

Este caderno é de formato semellante ó do proxecto desenvolvido en 2019, baixo o título Ulla naturalmente, sobre a fauna e flora do río Ulla, e como nese caso hai unha edición en papel que se entregará nos obradoiros a desenvolver cando sexa posible nos centros de ensino e unha edición dixital en PDF que xa se pode descargar libremente na web www.raiceiros.org.

O presidente da asociación, Héctor Rodríguez, lembrou “o apoio recibido da Deputación da Coruña e do Concello de Vedra para o desenvolvemento do proxecto” e tamén puxo de relevo o feito de que en outubro cumpre 20 anos de traballo arredor da cultura desde o Val do Ulla.

A do último venres do mes de marzo foi a primeira presentación dun proxecto de Raiceiros a través de videoconferencia, o que permitiu que puidera ser seguida desde Arxentina por representantes da Sociedade Parroquial de Vedra, que agrupa gran parte do colectivo vedrés naquel país.

ORIXE. A Asociación Raiceiros foi creada no 2001 e ten a súa sede na casa da cultura de San Miguel de Sarandón, en Vedra. Está formada por un grupo de mozos e mozas que albergan como principal obxectivo “a recuperación e difusión do patrimonio cultural, a través de calquera tipo de actuación encamiñada á promoción da cultura en tódolos seus aspectos e manifestacións, e fomentando a participación activa das persoas no desenvolvemento social e cultural da comarca”, explican os seus membros.

06 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.