Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Organízase en turnos á cativada da Baña para ver aos Reis Magos o 5 de xaneiro

A recepción real terá lugar no pavillón de San Vicente // Establécense tres horarios segundo a parroquia na que vivan os nenos e nenas // Nos momentos previos celebrarase o espectáculo teatral “Chop!” para o cal se precisa reservar

A Baña. Como cada ano, os nenos e nenas da Baña poderán visitar aos Reis Magos na tarde do 5 de xaneiro no pavillón de San Vicente. Por causa da COVID, haberá cambios para a recepción real. Os pequenos e pequenas entrarán no polideportivo en tres quendas, establecidas polas parroquias das que proceden. Así, na primeira queda, que comezará ás cinco da tarde, poderá acceder ao pavillón a rapazada de Troitosende, Fiopáns, Lañas e San Cibrán. A continuación, ás seis, entrarán os nenos e nenas de Corneira, A Riba, Ordoeste, Cabanas, Suevos e Ermida. Por último, ás sete, farano os cativos e cativas da Baña, Monte, Marcelle, Barro e Barcala.

O acceso ao polideportivo farase respectando a distancia e as medidas de seguridade. Na porta establecerase tamén un control de temperatura. Xa dentro do recinto, a cativada non poderá sentarse no colo dos Reis, aínda que si falar con eles gardando unha distancia axeitada e recibirá tamén un pequeno agasallo.

O Concello da Baña prega que se observen os horarios de acceso establecidos e se garden as medidas de seguridade. No pavillón, persoal municipal velará polo cumprimento das normas para que as familias poidan desfrutar con tranquilidade dunha tarde máxica.

ESPECTÁCULO PARA AS FAMILIAS. Antes da chegada dos Reis Magos, ás 16.00 horas, o polideportivo de San Vicente encherase de maxia, teatro e circo co espectáculo Chop! de Teatro ao Cubo. A entrada é gratuíta pero, por motivos de aforo, as persoas interesadas en asistir terán que facer reserva chamando por teléfono ou mandando un whatsapp ao número 607 153 604.

30 dic 2020 / 18:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.