Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os amesáns aportan propostas para decidir en que se debe investir

O 15 de outubro remata o prazo para presentar suxestións ao proceso de Orzamentos Participativos 2020 // No mes de setembro realizáronse asembleas informativas en once locais sociais das parroquias de Ames

Ames. O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do proceso de Orzamentos Participativos 2020. Durante o mes de setembro realizáronse as asembleas de presentación de propostas nos diferentes locais sociais das parroquias amesás. A ditas xuntanzas celebradas en 11 locais diferentes ( Trasmonte, Agrón, Lens, Augapesada, Ortoño, Piñeiro, Tapia, Ameixenda, Covas, Bugallido e Biduído) asistiron arredor de 100 veciños e veciñas. Este ano debido á situación na que nos atopamos pola Covid19 existen ata catro métodos distintos para presentar propostas: a través dun formulario web, por teléfono, por correo electrónico e de xeito presencial. O prazo para presentar propostas remata o vindeiro 15 e outubro de 2020.

Para a execución dos Orzamentos Participativos 2020, destinaranse no Orzamento 2021 un total de 200.000 euros. As actuacións desenvolveranse ao longo do 2021 segundo as seguintes cantidades: 120.000 euros para investimentos no conxunto do rural; 40.000 euros para investimentos dirixidos á mocidade; 10.000 euros destinados a actividades ou programa dirixidos á mocidade, 10.000 euros destinados actividades ou programas dirixidos á muller; 10.000 euros destinados a actividades ou programas dirixidos á cultura; e 10.000 euros destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente.

A cidadanía poderá decidir investir, por exemplo, en creación de novas infraestruturas (sinalización, mobiliario urbano, paneis informativos, parques, xardíns, fontes, lavadoiros, etc), en repoñer infraestruturas (remodelación de áreas recreativas, espazos naturais, reposición de fontes, de mobiliario urbano ou de equipamentos deportivos, etc), en reformas, acondicionamento e equipamento de edificios e instalacións municipais ou adquisición de software e hardware (aplicacións, plataformas dixitais, equipos informáticos...). Tamén pode decidir investir en programas e actividades que inclúan gastos de adquisición de bens e servizos externos, como, por exemplo, festas, festivais, talleres, formacións, campañas de sensibilización, etc.

Deste xeito, este ano como novidade existen seis ámbitos ou partidas nos que se poden presentar propostas sen limitación algunha: rural; investimentos para a mocidade; programas para a mocidade; actividades ou programas dirixidos á muller; actividades ou programas dirixidos á cultura; actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente. Outra das novidades é que as propostas para o rural deben integrar ás 11 parroquias do rural. As propostas presentadas para o rural deben recoller demandas e necesidades que se van executar en todas as parroquias.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, anima á veciñanza de Ames a participar no proceso de Orzamentos Participativos 2020. “Este ano debido a situación excepcional na que nos atopamos pola Covid19, flexibilizamos e ampliamos os sistemas de participación nesta iniciativa. Existen tres vías diferentes para facelo de xeito presencial, a través dun formulario on line, por correo electrónico e por teléfono; e outros dúas vías presencias, entregando o impreso de presentación de propostas de forma presencial nas dependencias do Concello ou tamén se podía entregar nas xuntanzas que se realizaron nos locais sociais do rural”.

XUNTANZAS INFORMATIVAS. O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, destacou “a importancia das asembleas que se realizaron en cada unha das parroquias. A través destas asembleas os veciños e veciñas puideron achegarnos demandas específicas de cada territorio”. Ademais, incidiu en que “na última semana de outubro publicarase a listaxe definitiva das propostas viables para ser seleccionadas por voto electrónico a través dun enlace que estará habilitado na páxina web municipal. Tamén se habilitarán espazos de votación presencial. As propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento Municipal para ser realizadas en 2021”.

PRESENTACIÓN DAS PROPOSTAS. O prazo de presentación de propostas está aberto e finalizará o vindeiro 15 de outubro. Este ano debido á situación que vivimos marcada pola covid19 existen ata catro métodos distintos para presentar propostas de xeito presencial e de forma telemática.

As propostas poden presentarse na plataforma en liña que o Concello habilitou para facilitar a entrega de propostas. Para acceder a dita plataforma on line hai que premer no banner que está colocado na cabe eira da web municipal. Tamén se poden presentar a través da ficha de propostas que hai que enviar por correo electrónico ao enderezo opames2020@cidadania.coop, chamando ao número de teléfono 674 805 085, ou entregalas nas dependencias municipais de xeito presencial.

QUEN E COMO PARTICIPAR. Hai dous xeitos de participar: facendo propostas e votando as propostas. Calquera persoa, sen límite de idade, pode facer propostas de investimentos, actividades ou programas. Para votar as propostas hai que estar empadroado en Ames e ter os 16 anos cumpridos. No caso dos investimentos e actividades para a mocidade só poderán votar as persoas que teñan como máximo 30 anos cumpridos. Por mor das circunstancias excepcionais provocadas pola covid-19, nesta edición de Orzamentos Participativos haberá posibilidade de participación presencial e telemática a través de distintas canles.

05 oct 2020 / 17:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.