Os amesáns de segundo ciclo de infantil terán axudas para estudar
Xa se poden solicitar estas achegas que van financiar os gastos en libros e material escolar
Ames. Dende este martes 19 as familias amesás poden solicitar axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar para as crianzas que cursaron o segundo ciclo de educación infantil no curso 2021-2022 nun centro de ensino sostido con fondos públicos . Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo de
2021 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, o xoves 18 de agosto de 2022.
Neste senso, o Concello de Ames destinará un total de 7.500 euros a estas subvencións, cuxo único criterio será a renda per cápita familiar das persoas solicitantes, e que se determinará sumando os ingresos anuais de todos os membros da unidade familiar maiores de idade e dividíndoos entre o seu número de membros. Dependendo destes ingresos, as achegas poderán alcanzar un máximo de 80, 100 ou 120 euros.
Desta forma, búscase que o alumnado integrado en familias con menos recursos dispoña do material educativo preciso para o normal desenvolvemento da súa aprendizaxe, e adecuar as subvencións á educación infantil. As solicitudes poden ser presentadas no rexistro telemático ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello. c.g.