Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os hostaleiros amesáns non pagarán polo uso de terrazas durante o primeiro semestre de 2021

A Corporación Municipal aprobou recentemente o Plan Reactiva Ames para apoiar ao sector empresarial, autónomos e comercios

Ames. O Concello de Ames non cobrará as taxas de utilización da vía pública con mesas e cadeiras ao longo do primeiro semestre de 2021. O Goberno municipal acaba de facer público este novo compromiso que afectará directamente ao sector hostaleiro e algúns comercios do municipio. O Concello de Ames engade esta axuda á derrogación da ordenanza fiscal de instalación de postos no mercado de rúa para 2021 e a condonación de ambas taxas do ano 2020.

No Goberno municipal son conscientes da problemática existente na actualidade na hostalaría, un sector clave no concello que dá traballo a máis de 130 persoas e que move a xente doutros concellos na dinamización comercial.

A medida é unha extensión da que xa se tomara ao longo do confinamento para o ano 2020 coa derrogación da ordenanza fiscal que regulaba o cobro deste servizo e que foi acordada entre todos os grupos da Corporación municipal.

PLAN REACTIVA AMES. Desde o Concello recordan que suplementariamente a esta medida a Corporación municipal aprobou recentemente o Plan Reactiva Ames co obxectivo de axudar fiscalmente e con axudas directas ao sector empresarial, autónomos e comercios. O Plan conta cunha dotación de 7 millóns de euros, dos que máis de 1,5 millóns son para diversas axudas a alugueiros, gastos de servizo, e adquisición ou modernización dos establecementos. No último pleno, aprobouse unha moción presentada por Ames Novo á que o Goberno sumouse para solicitar axudas directas a este sector por parte da Xunta de Galicia.

ORDENANZA REGULADORA E ORDENANZA FISCAL DE TERRAZAS. Dende a Concellaría de Urbanismo informan que a nova ordenanza reguladora de terrazas si estará en vigor ao longo de 2021 logo do proceso de negociación levado a cabo nestes últimos meses. Esta ordenanza permitirá regular o uso das terrazas e acadar unha uniformidade no cumprimento das condicións. “O feito de que non se cobre pola taxa de ocupación non é escusa para que non se regule o servizo, e iso é o que queremos facer desde o Goberno municipal”, afirma o alcalde e concelleiro de Urbanismo, Jose Miñones.

A ordenanza fiscal, que fora derrogada no pasado mes de abril, levarase a aprobación para o ano 2021, pero non entrará en vigor ata o segundo semestre do ano, e á espera da evolución da pandemia. O obxectivo do Goberno é poder facer a publicación de ambas ordenanzas na vindeira semana para un período aberto de consulta pública. Unha vez remate este prazo levaranse a aprobación plenaria e volveranse a someter a un período de alegacións para a súa aprobación definitiva. Preténdese ter para comezos de ano, estas ordenanzas en vigor e poder regular o servizo sen o cobro correspondente durante os primeiros seis meses de 2021.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “son moitos os esforzos que se están a facer para tratar de conseguir unha menor pegada da crise sanitaria no sector comercial e hostaleiro de Ames. Seguimos facendo un chamamento á cidadanía de Ames para que consuma no seu concello e axude directamente ao comercio local, recordando que <En Ames, témolo todo>”.

02 nov 2020 / 13:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.