Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
|| cousas do demo ||

Ós inimigos aplícaselle a lei ó pe da letra, como lle están a facer ó sector hostaleiro

Por fin abriu a hostalaría, aínda que a ledicia queda a medio camiño. Os aforos e os horarios marcan moito esta nova etapa e amputan boa parte do futuro de moitos negocios. Pero xa é unha historia coñecida por todos. Menos caixa pero iguais gastos. E o empurrón que se espera da Administración segue a estar no aire e queda en simples promesas mentras van caendo bares, restaurantes, pubs e discotecas. Cada día sen axudas tradúcese en varios peches e na imaxe de moitas familias que enchen o seu prato counha traxedia porque non teñen nada sólido que levar á boca.

Din que non hai nada mellor para os inimigos que aplicarlle a lei ó pé da letra. Eso é o que están a facer os concellos coas súas rigorosas inspeccións. Nunha cousa estamos todos dacordo. A saúde é o que hai que defender agora mesmo. Pero hai posturas difíciles de entender.

Obrigan a despregar toda a terraza para marcar as prazas que non se poden ocupar. É un xeito fácil para comprobar o cumprimento dos aforos. Pódese aceptar ese animal de compañía pese a que para moitos locais é un traballo grande montar e desmontar cada día as mesas e cadeiras inútiles para os clientes. O que xa non é moi entendible, sobre todo na situación que están a padecer os empresarios, é non permitir ocupar un maior espacio en caso de habelo. Se non fas dano a ninguén e hai sitio dabondo, quen é o que non deixa que estires a terraza para poder gañar capacidade e así facturar un pouco máis? Ninguén fala de xuntar as mesas, do que se trata é de que se permita espallalas sempre que se conte con espazo. Fai dano a alguén?

Peor é o que se viviu en Santiago. O dono dun local decide non abrir ata abril porque considera que coa capacidade actual e o horario de risa que marca a autoridade o seu negocio non é rentable. Nun alarde de gran xenerosidade e compañeirismo cedeu o espazo da súa terraza ó bodegón veciño. A Policía Local pronto desmontou as mesas alegando que como era outra licencia non podía facer uso dese sitio que agora loce cada día vacío. Tiña permiso do dono e outra vez a mesma pregunta: fai dano a alguén?

Cumpría a lexislación sanitaria en canto ó espazo entre mesas pero a intransixencia de quen ten asegurado o seu soldo cada mes sentado no seu despacho rouba o traballo a un hostaleiro que o está a pasar moi mal e que só trataba, grazas á axuda do veciño, de mitigar un pouco as perdas de todos estos meses.

E o que xa é un exceso de celo, que ben podería chamarse doutro xeito (cabronada, por exemplo), é o que aconteceu en Ames. Un policía de paisano, con chándal, foi parando diante dos bares durante un longo espazo de tempo para tomar nota das infraccións e a continuación tramitar a multa correspondente ós clientes nunha postura que algúns hostaleiros viron como intimidatoria. Eso de esperar nun lugar a que alguén incumpra ten lóxica se queres defender a saúde e deixa de tela se o único que queres é gañar méritos e recadar. Roza o acoso e non ten razón de ser.

Os hostaleiros queren vivir. E non lle deixan. Saben que deben respectar as normas e por eso todos os días teñen enfrontamentos con clientes que non queren poñer o tapabocas, ou que queren sumar xente á súa mesa superando a cifra de catro persoas, ou que queren fumar, ou que cantan... Defenden o seu futuro sen ter autoridade nin licenza de armas.

Pero semella que a policía non está para eso, pero si para impedir o seu traballo en cumprimento dunha lei que nestes tempos é absurda e por orde dalgún iluminado que ten o soldo asegurado.

Se poden estirar o seu negocio para ter máis mesas respectando sempre as normas sanitarias, por que demo non lle deixan? Están castigados co aforo reducido e co peche ás seis da tarde o que é unha eiva pouco comprensible para a maioría dos mortais. Só faltaba que aqueles que non lle dan axudas aínda lle poñan o pé na cabeza ata aplastalos. Vaia tropa!! En que mans estamos!!

07 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.