Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Parados da comarca encontrarán traballo grazas a Máis2020

Participan no obradoiro dual de emprego A Baña, Negreira, Val do Dubra e Santa Comba // Prepararanse en ata tres especialidades

Os rexedores de A Baña, Negreira, Val do Dubra e Santa Comba veñen de inaugurar o obradoiro dual de emprego Máis2020. Unha iniciativa que conta cunha achega de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade e que vai formar a unha vintena de desempregados dos catro concellos en pintura decorativa en construción (oito persoas) e en limpeza en espazos abertos e instalacións industriais (doce).

Os rexedores dos municipios implicados lembráronlle ao alumnado durante a presentación do curso a oportunidade que esta formación lles brinda á hora de poder atopar un emprego. O alcalde bañés, José Antonio Pereira, sinalou que é unha iniciativa beneficiosa para ambas partes: “para vós, como alumnado, que vos poderes formar nestas especialidades para incorporarvos ao mercado laboral, e tamén para os concellos, porque as obras van quedar aí”. Agregou ademais que contarán “cun profesorado que son grandes profesionais, dos que poderedes aprender moito”.

Pola súa parte o rexedor de Negreira, Ánxel Leis, pediulles “tranquilidade e paciencia, e cumprir as normas sanitarias” durante este período de formación. O de Val do Dubra, José Manuel Varela, recordoulles que “o obradoiro supón unha boa oportunidade laboral, porque ides recibir un certificado de profesionalidade”. E pola súa banda o alcalde de Santa Comba, David Barbeira, recalcou que este proxecto formativo supón unha boa maneira de “volver integrarse na sociedade e no mercado laboral, sobre todo para aquelas persoas que levan tempo no paro”.

Durante os nove meses que dura Máis2020, o alumnado recibirá o salario mínimo interprofesional, máis a parte proporcional das pagas extras. Nesta iniciativa, que ten sede na Baña, fórmanse cinco persoas de cada un dos concellos. No caso da Baña, os participantes van pintar o interior do centro social e da terceira idade e tamén a casa de cultura, ademais de facer limpeza de beirarrúas, marquesiñas e contedores.

10 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.