Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Recibiron un total de 131.707 euros da Xunta para desenvolver proxectos no marco da campaña ‘O teu Xacobeo’ os concellos das comarcas de Santiago, Ordes, Costa da Morte e Barbanza // As propostas son variadas e abarcan exposicións, ciclos culturais, carreiras populares ou festivais de música TEXTO Alba Prada

Plans para poñer en valor o Camiño

A Xunta vén de resolver a segunda edición de O teu Xacobeo para osconcellos, unha proposta a través da cal se ofrece apoio a 16 proxectos na provincia con axudas que ascenden a máis de 180.000 €. No caso concreto da área compostelá, as achegas implican a un total de 13 (dos 16) e a cantidade destinada a subvencionar as propostas é de 131.707 euros.

Os municipios das comarcas de Santiago e de Ordes que foron beneficiados coas aportacións deste programa foron Boqueixón (10.398,68 €); Teo (6.806,25 €); Ordes (1.297,80 €); A Baña (5.700 €); Vedra (15.000 €); Melide (7.200 €) e Padrón (15.000 €). Vimianzo recibiu 12.000 euros e é o único municipio de Costa da Morte que desfruta desta subvención. Xa nas zonas do Barbanza e Noia-Muros hai que nomear a Ribeira (9.275,31 €); Noia (18.413,10 €); Boiro (16.687,31 €); Carnota (4.093,98 €) e Muros (9.835,80 €).

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, salientou que O teu Xacobeo representa “o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que os concellos son os encargados de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia”.

A proposta, segundo explica o delegado territorial, pretende dinamizar os concellos que forman parte da Vía da Prata-Camiño do Sueste achegando un impulso ao diálogo entre a totalidade dos municipios polos que pasa o Camiño. Deste xeito, “apóstase por darlle voz á poboación máis nova para que sexa esta a encargada de recompilar as historias e experiencias que se xeran ao longo da Ruta Xacobea”, apunta.

Con todo, recalcan dende o Goberno galego que tamén hai axudas dirixidas a proxectos formulados por entidades locais. “A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC’s e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos”, indica Gonzalo Trenor.

Nos proxectos subvencionados nas liñas 2 e 3, é dicir, os destinados a empresas e a entidades sen ánimo de lucro, hai 38 que afectan a máis dunha provincia (27) ou a toda Galicia (11). Na súa maioría son iniciativas tuteladas por fundacións ou universidades que fan referencia a diferentes rutas ou camiños, propostas dirixidas a centros educativos ou actuacións no patrimonio que abranguen varias provincias ou a totalidade da comunidade galega.

Mesmo hai unha proposta “que comparte a provincia de Lugo coas comunidades autónomas de Asturias e Cantabria”, engade ó respecto o representante autonómico.

A segunda edición de O teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 proxectos orientados a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros en toda Galicia. Tras a resolución da concesión, os beneficiarios veñen de comezar a desenvolver os seus proxectos, para o que contan de prazo ata o vindeiro mes de setembro, despois da concesión dun adiamento por mor da COVID co obxectivo de que poidan dispor de máis tempo para levalos a cabo.

Segundo a Xunta, “esta segunda edición volveu resultar un éxito de convocatoria, con case un milleiro de proxectos presentados, que permitirán mobilizar un orzamento de 5,8 millóns de euros”, concretan. Todo un “impulso descentralizador”.

O PROTAGONISTA
“VEDRA, CAMIÑO XACOBEO”
Manuel Costa
Tenente de alcalde de Vedra e concelleiro de Educación
e Turismo

O Concello de Vedra recibiu da Xunta un total de 15.000 euros cos que porá en marcha, no marco de O teu Xacobeo, unha proposta que leva por título Vedra, Camiño Xacobeo. O tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Turismo de Vedra destaca que se trata dunha iniciativa que pretende “a posta en valor do patrimonio cultural, natural, gastronómico, científico e social do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio”.

A proposta, según relata Manuel Costa, centrarase por unha banda na cultura. “Está previsto artellar un programa de actuacións musicais no Camiño, utilizando a música como fío interrelacionador. Ao tempo preténdese poñer en valor ós e ás artistas locais”, explica.

Por outro lado, “realizaranse descubertas do patrimonio histórico” da ruta Xacobea ao seu paso por Vedra e promocionarase a cultura da camelia. Tamén no marco do proxecto se fará un achegamento á gastronomía tradicional e desenvolveranse procesos de emprendemento laboral e social.

{ A OLLADA }
Revalorizar
o territorio
Alba Prada

SON UN gran impulso dende logo para os concellos polos que pasa o Camiño estas axudas da Xunta, posto que van permitir a posta en marcha de actividades que non só axudarán a atraer ao turismo, senón que suporán unha posta en valor para o territorio. No caso de Boqueixón, por exemplo, axudará a retomar o ciclo sobre o Pico Sacro que o Concello (coa axuda de Turismo) puxera en marcha hai dous anos. En Ordes desenvolveranse unha carreira popular e unha andaina. Muros aposta por botar a andar un encontro sobre as mulleres no mar e facer unha exposición parmanente... Cada municipio terá unha cuantiosa axuda para facer realidade estas iniciativas, que mostran ao mundo a importancia do Camiño en cada vila.

01 feb 2021 / 20:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.