Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Renovan o lavadoiro de Francos en Teo de cara o ano Xacobeo

Esta obra complementouse coa rehabilitación do de Casalonga // Forman parte do convenio entre a Xunta e a Fundación Juana de Vega

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou onte as actuacións de rehabilitación levadas a cabo no lavadoiro teense de Francos, ao carón do cal discorre o Camiño Portugués. Trátase dunha obra na que se investiron 27.155 euros e que se complementa coas melloras no de Casalonga, sito no mesmo municipio e que contou cun orzamento de 7.575 €.

Ámbolos dous traballos van incluídos no convenio asinado entre a Xunta e a Fundación Juana de Vega por un importe de 192.956 euros, “o que permitiu mellorar 45 puntos degradados ao longo do Camiño de Santiago”, segundo apuntan fontes da Xunta. Durante a visita Nava Castro subliñou a importancia destas actuacións porque “teñen un gran impacto visual que vai ser determinante na imaxe que os peregrinos se leven do Camiño e do seu percorrido por Galicia”, dixo.

O acordo entre o Goberno galego e a Fundación Juana de Vega (entidade sen ánimo de lucro que vela pola conservación do patrimonio natural galego) permitiu substituír sinais, actuar en casetas, hórreos, valados, marquesiñas, palcos de música e mesmo en edificios en mal estado de conservación “que minguaban a boa imaxe que debe dar o Camiño nun dobre Ano Santo no que o Xacobeo aspira a ser o motor da recuperación económica de Galicia”, indican dende a Xunta. Na actualidade estase tramitando a renovación deste convenio por un importe de 150.000 euros, o que permitiría a Juana de Vega recuperar outros 25 elementos.

Tamén co obxectivo de mellorar a imaxe das rutas xacobeas, o Goberno vén de renovar a orde de axudas para a mellora paisaxística e embelecemento do Camiño ás que se poden presentar concellos e particulares interesados en recuperar bens ou recursos que se atopen no seu itinerario. O 4 de marzo remata o prazo para presentarse á nova convocatoria, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

28 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.