Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 05 diciembre 2021
21:34
h

Retómanse os labores de arqueoloxía no Castelo de Portomeiro

Arranca o próximo día 12 a segunda campaña de escavación neste xacemento dubrés

Val do Dubra. O próximo luns, 12 de xullo, comeza a segunda campaña de escavación arqueolóxica no xacemento altomedieval do Castelo de Portomeiro, ubicado no municipio de Val de Dubra. Esta segunda parte é froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Asociación Cultura Larada, propietaria do xacemento. Como na anterior intervención, os traballos serán realizados por un grupo de investigadoras do grupo de investigación Síncrisis e en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos.

A maiores, como novidade, contarán cun nutrido grupo de estudantes do grao de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Durante estas dúas semanas, o equipo de Castelos no Aire, dirixido por Jose Carlos Sánchez Pardo e Mario Fernández-Pereiro, procurará ampliar os datos coñecidos sobre este interesante castelo altomedieval e, ao mesmo tempo, formar a novas fornadas de arqueólogas. “Consideramos moi interesante non só a intervención e os novos datos a obter sobre a Alta Idade Media neste territorio, senón tamén a formación práctica de estudantes do grao de Historia no traballo arqueolóxico”, comenta o profesor José Carlos Sánchez Pardo.

Esta nova campaña no Castelo estenderase ata o vindeiro venres 23 de xullo e ten como obxectivo ampliar as zonas intervidas no pasado ano 2020, ademais de ter como novidade a consolidación completa dun edificio. “Consolidar para facer do xacemento un lugar visitable e de interese na comarca era unha reclamación da asociación Larada, propietaria do Castelo”, explica Mario Fernández-Pereiro, o director da intervención.

Esta campaña está financiada polo proxecto Arqueoloxía tardoantiga e medieval en Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor Sánchez Pardo, e estará centrada na escavación parcial de tres edificios e na consolidación dun deles.

Ao igual que se fixo ao longo do ano pasado, esta campaña no Castelo estará “aberta por escavación”, facendo posible desta forma a calquera achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo que traballará nesta segunda parte. C.E.

07 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.