Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rexeitada a solicitude de ampliación do prazo para presentar alegacións ao novo convenio do transporte metropolitano

Varios Concellos solicitaron exetendelo ata o 15 de outubro xa que o período establecido pola Dirección Xeral de Mobilidade considerárono insuficiente dende o primeiro momento

Ames. A Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Infraestruturas, vén de rexeitar a solicitude de ampliación do prazo que varios Concellos da área de Santiago realizaron o pasado día 5 de outubro. Nesta solicitude pedíase poder presentar alegacións ao convenio, presentado na última xuntanza máis alá do día 6, cunha ampliación ata o día 15 deste mes. A Dirección Xeral de Mobilidade tan só ofreceu 7 días hábiles para a presentación de alegacións a un convenio que rexerá o transporte metropolitano dos vindeiros catro anos. Os Concellos xa advertiron na xuntanza da Comisión que o prazo dado era insuficiente. Un día antes do peche do prazo pediron ampliar o prazo nunha semana máis para poder facer un bo traballo.

Os Concellos afectados manifestan que a negativa da Consellería de Infraestruturas a esta solicitude amosa unha falta de consideración incomprensible para os Concellos, mais se cabe cando a situación está motivada por unha deixadez da propia Xunta ao non ter achegado este importante documento antes e a pesar de contar con ano e medio para elo. Non pode ser que os Concellos paguen polos erros de previsión da Consellería.

CONCELLOS PREXUDICADOS. Santiago, Ames, Teo, Brión, Oroso, Negreira e A Baña, todos Concellos da área de Santiago, vense prexudicados pola decisión unilateral da Dirección Xeral de Mobilidade e critican as formas en que se está a levar este proceso.

Os Concellos afectados solicitaron ao día seguinte da Comisión unha xuntanza para poder falar sobre o prazo de presentación de alegación, que lles parecía moi curto, e das liñas de nova creación, sen que a día de hoxe se comunicara data para dita xuntanza. Así, recálcase que “chama a atención a rapidez na contestación para a solicitude de ampliación do prazo para presentar alegacións e a lentitude para concertar unha xuntanza para sentarse a dialogar”.

Os sete Concellos da área metropolitana de Santiago afirman ter serias dificultades para poder aprobar o convenio antes do 13 de novembro, tal e como obriga a Xunta. A necesidade da súa aprobación vía plenaria limita moito esta capacidade. A día de hoxe nin tan sequera se coñecen as alegacións que se aceptan nin o texto definitivo. Algúns dos Concellos afectados tan só celebran sesións plenarias cada dous meses, polo que de non aprobalo neste mesmo mes sería moi complicada a súa aprobación e obrigaría a celebración dun pleno extraordinario e urxente.

Os Concellos lamentan a improvisación e falta de planificación nun asunto tan importante. As xustificacións dadas pola Dirección Xeral de Mobilidade no rexeitamento da prórroga de prazo non convencen aos afectados, xa que argumentar que foi recentemente cando se tomou posesión dos cargos, é querer enganar sobre a realidade, debido a que a necesidade de facer un novo convenio é coñecida pola Xunta desde a sinatura do último convenio en marzo de 2019, tal e como a mesma Consellería recoñece, por imperativo legal, tampo máis que suficiente como para ter un documento presentado e consensuado.

Finalmente, algúns Concellos foron quen de presentar algunhas alegacións en prazo, e outros coincidindo en reclamacións comúns como o reparto do voto, a obriga de mantemento de marquesiñas ou os prazos de anualidades do convenio. Ao igual que nalgunha outra área metropolitana, desde a de Santiago solicítase que á vista das présas e improvisación, o convenio só teña unha vixencia de meses, ou 1 ano, de cara a consensualo entre todos neste tempo.

Para os Concellos a fórmula de representación non é xusta e o mantemento das marquesiñas polas entidades municipais resulta inaceptable, nun momento no que as Administracións locais xa asumen demasiadas cargas non competenciais. Rematan os Concellos solicitando un maior diálogo e información, recordando que a día de hoxe seguen descoñecendo o resultado do proceso de licitación e adxudicación das novas liñas e como afectarán aos horarios e frecuencias.

08 oct 2020 / 18:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.