Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rois celebrará en setembro o Día da Bicicleta cunha ruta de 20 quilómetros pola vila

Ao remate haberá agasallos para todos os participantes e un espectáculo de Xoán Curiel e a Banda de Verán

Rois. O verán é un moi bo momento para incentivar as prácticas deportivas ao aire libre. E é que non todo vai ser ir á piscina, á praia ou asistir a actuacións. Por iso, no municipio de Rois as bicis volverán ser as grandes protagonistas o vindeiro sábado 10 de setembro, cando se celebre o XVII Día da Bicicleta cun percorrido de ao redor de vinte quilómetros polas parroquias, con saída e meta diante da casa consistorial.

Trátase, según explican dende o goberno local, dunha “magnífica oportunidade para facer exercicio, coñecer o municipio e divertirse”.

A proba, aberta a participantes de todas as idades, comezará ás 16.30 horas e discorrerá por Antequeira, A Pontenova, A Meana, Seaxe, Tourís, Francelos, O Sisto, A Gandariña,

Angueira de Castro (onde estará localizado o punto de avituallamento), O Sisto, Francelos, Tourís, Seaxe, A Meana, Lamego, a praia fluvial de Seira, Seira, Oín e Samil.

E, despois de darlle aos pedais, a xornada pecharase cunha festa na que haberá agasallos para todas as persoas participantes, que poderán gozar tamén do espectáculo para público familiar de Xoán Curiel e a Banda do Verán. As inscricións abriranse unha hora antes do comezo da citada proba e será obrigatorio levar casco de protección.

VOLUNTARIADO. Dende o Concello de Rois tamén queren lembrar que ata o dezasete de agosto o municipio acolle o Campo Internacional de Voluntariado do Castro Lupario, cun total de once mozos e mozas procedentes de localidades galegas, así como doutras comunidades e mesmo do estranxeiro.

Todos os participantes, que chegaron a Rois a comezos do mes, atópanse facendo intervencións arqueolóxicas no xacemento dirixidas polo arqueólogo David Fernández Abell. Pero iso si: non todo vai ser traballar, e por iso tamén teñen tempo de desfrutar polas tardes de actividades lúdicas e de coñecer diversos puntos do municipio e da contorna. Non hai mellor momento para coñecer Rois e o seu entorno comarcal que nun mes como este, cargado de festas por todas as partes e todos os días. O verán de 2022 volve con máis forza que nunca. C.E.

14 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.