Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Colexio Profesional de Galicia vén de outorgar a esta enxeñeira informática o Premio Ada Bayron, que ensalza os logros femininos nestes campos // “Hai que crear unha cultura de inclusión no espazo de traballo” mantén TEXTO María Rendueles

Sabela Ramos, a padronesa que sitúa á muller no alto das TIC

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorgou o Premio Ada Byron á enxeñeira en informática de Padrón Sabela Ramos Gare, un galardón que concedeuse no Día Internacional Ada Lovelace que se conmemorou onte martes, 13 de outubro, para enxalzar os logros das mulleres en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) e alentar ás novas xeracións de rapazas a realizar estas carreiras profesionais. Ada Lovelace foi unha escritora e matemática británica (1815-1852), considerada a primeira programadora informática da historia ao describir a máquina analítica de Charles Babbage. Como autora do que se considera o primeiro algoritmo da historia, a tamén chamada Ada Byron deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

O galardón entregarase na XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebra o 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Sabela Ramos (Padrón, 1986) é enxeñeira en Google Research onde traballa en ferramentas para Reinforcement Learning , unha rama do Machine Learning. Antes de traballar en Google, obtivo o seu doutoramento en Computación de Altas Prestacións na Universidade da Coruña (UDC) e realizou un posdoutoramento na Escola Politécnica Federal de Zürich (ETH Zürich) onde investigou para crear modelos matemáticos do rendemento de microprocesadores.

A enxeñeira padronesa, que residiu gran parte da súa vida en Cee, confesa que desde sempre lle gustou a informática, “un campo moi amplo no que sempre atopas problemas novos que aínda non teñen solución e no que tes que estar continuamente aprendendo”. Cando comezou o seu doutoramento na UDC, Ramos tiña pensado dedicarse á investigación, pero mentres cursaba unha bolsa posdoutoral deuse conta de que a súa investigación estaba moi afastada das aplicacións reais e, aínda que cre firmemente no valor da investigación, apostou por traballar en algo que tivese un impacto máis directo na vida real. Aí foi onde deu o salto á industria.

Actualmente, e despois de tres anos traballando en YouTube, volveuse a achegar á investigación nun equipo de infraestrutura de Google Research, onde as súas funcións lle permiten a outros investigadores avanzar en campos como o Reinforcement Learning, unha rama do Machine Learning que estuda como aprender a tomar secuencias de decisións en contornos complexos e que se utilizou con éxito en robótica e en xogos.

Ramos forma parte do colectivo Google Women in Engineering, onde se estimula a presenza feminina no sector TIC. “Hai datos que nos din que aos nenos se lles anima a seguir unha profesión técnica e que ás nenas fáltalles referencias”, indica. Destaca que moitas mulleres tenden a abandonar as carreiras técnicas. “Hai que crear unha cultura de inclusión no espazo de traballo que permita que se aborden estes problemas e que todos sexamos conscientes de que existen. Non só son problemas que afectan ás mulleres, tamén a outros grupos con menor representación nas TIC. Un entorno inclusivo no que se valora a diferencia fai que todos nos sintamos máis a gusto no noso traballo e sexamos máis produtivos”, manifesta.

14 oct 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TIC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.