Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sangue lusitano no rural amesán pola ‘invasión’ de serradores hai un século

Lembra o cronista oficial Viaño a súa chegada descalzos para traballar os montes de piñeiros // Moitos quedaron

É posible que se vostede é veciño da Maía, e a súa orixe está nos núcleos que rodean os bosques de piñeiros (como Mar de Ovellas, a subida dende Augapesada) teña devanceiros portugueses. Esta é a tese do cronista oficial de Ames, Maximino Viaño, ao referirse a auténtica invasión humana que viviu a zona nos primeros anos do século pasado, cando os serradores no norte lusitano descubriron un filón para emigrar ata Galicia. Porque nesta terra atoparon que “na repoboación espontánea do piñeiro pinaster empezaba a haber árbores madeirábais que naqueles tempos aínda non eran un produto comercial”, divulga.

Segundo o seu parecer, daquela acudiron matrimonios co que tiñan posto e todos descalzos, “o home cunha serra ó lombo e a muller cun caixón de limas na cabeza, adentrábanse na Galicia costeira ata que descubrían unha ampla zona de pinos que valían para cortar”. Cando o lugar lles parecía interesante, acampaban na aldea que máis lles atraía ata o punto de que moitos deles remataron por quedar a vivir.

Viaño afirma que o primeiro que facían “era conseguir dalgún veciño un cacho de terreo pegado a un muro: a parede da casa, dun pallal, da horta... para instalar alí unha caseta de táboas de cara a non durmir á intemperie; a continuación visitaba a todos os veciños da zona pedíndolle un piñeiro a cambio de que lle aserraba outro gratis para o donante”. Aproveitaba tamén o inmigrante luso para ofrecerse e serrar o resto da madeira que valía e que, en principio, os labregos transformaban para seu consumo propio. Co tempo esta práctica de serrar no monte, que durou ata que proliferaron os serradoiros mecánicos, tamén a utilizaban para vender nas propias fincas a madeira unha vez aserrada e secada en torretas.

Aporta, do mesmo xeito, que eran xente “que se integraban totalmente na cultura da parroquia colaborando cos veciños nos actos comunais”. E ao parecer tamén viñan convencidos de que eran profesionais, “porque non traían axudantes, senón que os contrataban aquí, que eran os que tiraban das serras para abaixo”. Remataron por asentarse permanentemente nesas zonas ata o punto de que hoxe “as familias descendentes destes aserradores forman parte das nosas convivencias”, remata o cronista amesán.

Montalaiú, un recolledor de piñas que deixou marchar a mula para atender as mofas no 37
Era un deses profesionais portugueses que traballaban a madeira e que decidiu ficar na Maía para integrarse

A Maía. Viaño ofrece, ademais, a súa lembranza dun destes serradores portugueses: Montalaiú, que na primeira metade do século vinte tiña unha mula para trasladar as piñas que apañaba nos piñeirais da bisbarra, e repartía nas casas de Santiago para acender lareiras. Era unha profesión que ocupaba a moitos caseteiros da zona, ata que mudaron chemineas por electrodomésticos.

“Montalaiú arribou a esta zona naquelas mandas de serradores portugueses, pero cando empezou a ir vello, cambiou a profesión pola de apañador de piñas que era máis levadeira”, testemuña o cronista. O problema era que non se levaba ben cos rapaces, “ porque algún non moi ben educado lle chamaba montalaburra”, alporizándoo moito.

Vén ao fío dunha anécdota, que data do ano 1937, cando os nenos das escolas de Covas, Ames e Tapia, “en vez de ir á escola da tarde, tiñamos que ir facer a instrución militar, precisamente, a Augapesada. Como os mozos estaban todos na guerra, a instrución dirixíana ás mozas que non traballaban de labregas”, aporta o sabio cronista. E a formación militar recibíana os rapaces na recente estrada que levaba a Bertamiráns, no tramo do empalme viario de Roxos a Portomouro.

Pois ben, nunha ocasión ían os mozos locais formando e marcando o paso ata que apareceu Montalaiú, “atallando a mula que lle escapara onde o camiño real cruza a estrada entre a taberna de Aída de Maio e a horta das de Barca”. O home levaba na man unha corda e un fouciño dos toxos, pero velaí que un destes rapaces burlóns non tivo mellor ocurrencia que berrarlle: “Queres ensinarlle á mula a facer a instrucion, montalaburra?”. O caso é que ao luso tan mal lle pareceu que esqueceu o animal para arremeter contra a marcial rapazada.

15 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.