Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Suevos e Sorribas, sitas en Trasmonte, xa contan coa súa rede de saneamento

Tan só queda por executar a reposición do pavimento dos camiños que fixeron gabias para acometer ditas instalacións

As obras para dotar de rede de saneamento aos lugares de Suevos e Sorribas, ambos pertencentes á parroquia de Trasmonte, en Ames, están a piques de rematar. Así o anuncia o Concello, que informa que os traballos para instalar as canalizacións de saneamento e pluviais, así como os pozos de rexistro, están rematados. “Tan só queda por executar a reposición do pavimento dos camiños nos que fixeron gabias para acometer ditas instalacións”, sinalan fontes municipais. A obra, incluída no POS 2019, foi adxudicada á empresa Excavaciones Pose SL por un importe de 74.415 euros

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, acompañados de técnicos de Estudio Gallego e do representante da empresa Excavaciones Pose SL (adxudicataria do proxecto), visitaron os lugares de Suevos e Sorribas, na parroquia de Trasmonte, onde puideron comprobar o estado no que se atopan as obras para dotar de saneamento a estes dous núcleos de poboación amesáns.

No lugar de Suevos ampliouse a rede de saneamento en 260 metros, cun total de once pozos de rexistro. No lugar de Sorribas, foi de 755 metros cun total de 22 pozos. Unha vez finalizada a instalación das tubaxes e o recheo das gabias, “tan só queda por executar a reposición dos pavimentos afectados pola execución das obras”, indican dende o goberno local. As actuacións de Suevos e Sorribas completan a rede de saneamento destes dous lugares da parroquia de Trasmonte.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, apunta que “con estas obras, a parroquia de Trasmonte conta case totalmente con rede de saneamento. Tan só quedan dotar de saneamento a tres ou catro puntos concretos desta zona. Realizarase unha auditoría para que se complete ao cen por cen este importante e necesario servizo”, indicou.

Pola súa parte, o alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca que “é imprescindible que todas as aldeas do rural amesán dispoñan deste servizo. Estas obras responden á intención do goberno municipal de apostar polo rural e traballar a prol de conseguir que todas as aldeas de Ames conten con servizo de saneamento”, apuntou o rexedor.

Miñones lembrou que queda pendente dotar de saneamento ás parroquias de Tapia e Piñeiro. “Seguiremos insistindo para que Augas de Galicia realice este proxecto xa anunciado no ano 2013 nestas dúas parroquias de Ames e en Troitosende, no municipio de A Baña”, dixo.

Por certo que dende o Concello acaban de informar que avanzan na tramitación do expediente de contratación para realizar as obras de mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns. Cómpre lembrar que o pasado 30 de abril publicouse no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a favor do Concello de Ames do tramo da estrada AC-543, comprendido entre o punto quilométrico 6+250 e o punto quilométrico 8+390.

As obras executaranse naqueles tramos nos que o firme está en peor estado e tamén naquelas zona nas que se van a realizar modificacións na circulación. Tamén se van habilitar novos pasos para peóns na avenida da Maía e reasfaltar os espazos de estacionamento, que se atopan nas beiras da estrada, que están en peor estado.

06 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.