Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tramitan os recursos de Adega contra tres parques de Greenalia

Afectan a tres plans de instalacións eólicas en Coristanco, Carballo, Santa Comba e Tordoia

Coristanco. A asociación ecoloxista Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica veñen de recibir notificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pola que se dá conta da admisión a trámite dos recursos contencioso-administrativos interpostos por ambas entidades a finais de xaneiro contra a autorización de tres parques eólicos promovidos por Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia.

Trátase dos proxectos de Bustelo, Campelo e Monte Toural, declarados todos eles “de interese especial” polo Consello da Xunta en maio de 2018, “cando aínda exercía de conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, quen agora forma parte do consello de administración da empresa Greenalia”, afirman.

As entidades recorrentes agardan “poder anular as autorizacións outorgadas pola Xunta e demostrar no TSXG que todos eles forman parte dun único macroproxecto industrial sometido a unha manobra de fragmentación fraudulenta para esquivar a adecuada avaliación ambiental dos efectos sinérxicos das tres instalacións sobre un mesmo territorio, ademais de conquerir a súa tramitación a través da Xunta e non do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Ademais, a declaración destes tres parques como proxectos de “interese especial outorgoulle á empresa da ex-conselleira Beatriz Mato prioridade na tramitación fronte a outros proxectos, malia que todos eles constitúen un importante impacto sobre o medio natural”. Lembran desde Adega que os tres proxectos industriais afectan a unha área proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada á Rede Natura 2000 “e poñen en risco un endemismo único no mundo, a Centaurea ultreiae, unha planta catalogada en perigo crítico de extinción” e cuxa poboación mundial se atopa nos 10 quilómetros cadrados sobre os que a Xunta vén de autorizar estes tres parques eólicos.

Agora, o TSXG dá un prazo improrrogable de vinte días para que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galiza remita a este órgano xudicial os expedientes administrativos relativos aos tres parques eólicos de Greenalia recorridos e empraza ás partes demandadas a persoarse no procedemento no prazo de nove días.

16 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.