Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 08 diciembre 2021
21:54
h
A ampliación é grazas a unha axuda da Xunta, que as aumentou en 271.968 nos concellos da comarca // Tamén Toques e Santiago se viron beneficiados //
En toda a provincia a iniciativa levouse a cabo en 51 municipios TEXTO A. Prada

Trazo incrementa as horas do Servizo de Axuda no Fogar

A Xunta de Galicia vén de incrementar en máis dun 43,32% as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición do Concello de Trazo, ata superar as 21.600 anuais. Esta medida tradúcese nun reforzo de 6.540 horas. O municipio atende actualmente a 27 persoas a través deste servizo, pero en verbas da alcaldesa, Fina Suárez, “hai xente en agarda” e esta axuda do Goberno galego permitirá “unha maior axilidade no servizo”, explica.

E é que segundo apuntan dende a Xunta o aumento das horas asignadas para o financiamento do SAF, dirixido a persoas en situación de dependencia recoñecida, está posibilitando atender a todas e todos os que se atopan á espera da asignación efectiva do recurso. Precisamente para informar ao Concello de Trazo deste aumento horario no servizo acudía ata a vila o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, onde mantiña un encontro coa rexedora.

Respecto á comarca de Santiago, o delegado informou de que o plan de reforzo se traduciu nun incremento de 49.272 horas anuais para os concellos da comarca santiaguesa: Ames, Dodro, Oroso, Padrón, O Pino, Teo, Trazo, Touro e Val do Dubra. O aumento permitiu a estes municipios pasar das 222.696 horas de que dispoñían ata o momento ás 271.968 coas que contan na actualidade. En total, estes oito concellos poden atender a 434 persoas grazas a dita ampliación. Deles a vila amesá é a máis beneficiada cun aumento de 14.400 horas anuais, seguida da teense (15.300), de Trazo (6.540), Padrón (4.908), O Pino (3.060), Val do Dubra (1.248), Oroso (1.416), Dodro (1.296) e Touro (1.104). Hai que indicar que na provincia, tamén se aumentou en 2.616 as horas en Toques e en 52.692 as de Santiago, sendo o cómputo total de 105.580 na comarca compostelá.

O representante da Xunta na Coruña destacou, así mesmo, que a Consellería de Política Social “vén de incrementar en 10 millóns de euros o investimento destinado ao SAF, que en 2021 ascenderá a un total de 83,6 millóns de euros”. Na provincia este incremento levouse a cabo en 51 concellos, o que significa un aumento en ditos municipios de preto de 685.000 horas anuais ata chegar a un total de máis de 4,3 millóns de horas ao ano e 4.133 usuarios.

Trenor lembrou asimesmo que nestes momentos en Galicia invístense nas persoas dependentes un total de 400 millóns de euros anuais “dos que máis de tres cuartas partes, o 76%, veñen das arcas autonómicas, e só o 24% restante proceden da Administración xeral do Estado”, dixo. Aproveitou para lembrar que “Galicia e as demais comunidades autónomas levan anos solicitando o cumprimento da Lei respecto á parte do financiamento que corresponde ao Goberno central”, apostillou.

Aínda que o Goberno galego valora positivamente o incremento da achega anunciado polo Executivo central, “esta contía segue a estar moi lonxe do cofinanciamento que marca a lexislación e que establece que asuma o 50% do gasto total”, apuntou Gonzalo Trenor. Neste sentido, insistiu en que “coa implicación de todas as Administracións poderase seguir incrementando a atención e os servizos destinados ás persoas dependentes e con discapacidade”, sentenciou o delegado territorial.

A PROTAGONISTA
“MÁIS AXILIDADE
NO SAF”
Image
Fina Suárez
Alcaldesa de Trazo

A alcaldesa de Trazo amósase “moi satisfeita” con esta ampliación horaria do SAF. Algo que era fundamental dado que “hai lista de agarda”. A través desta axuda da Goberno galego “lograremos axilizar o servizo actual”, sinala a rexedora. Fina Suárez aproveitou a visita do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, para comunicarlle algunhas das demandas máis urxentes para a vila. Por unha banda, “solicitámoslle que se axilizase ao máximo a instalación da fibra óptica”. Segundo explica a alcaldesa xa existe nalgunhas parroquias, e estase instalando noutras, pero é preciso “que chegue a toda a vila canto antes”, di.

Por outro lado, informaron dende o goberno local ao delegado territorial a urxencia de mellorar as vías de comunicación con Santiago. “Estamos moi preto, pero son bastante deficientes e é preciso centrarse nesta eiva”, sinala.

{ A OLLADA }
Urxente como nunca
A. Prada

Este reforzo do Servizo de Axuda no Fogar procede da imperiosa necesidade que xurdiu durante o confinamento de atender a domicilio ás persoas con necesadidades asistenciais. Foron moitos os concellos galegos que solicitaron melloras no servizo e a Consellería de Política Social comunicaba en abril do ano pasado a asignación de máis horas, priorizando os casos máis urxentes. Unha medida que permite un seguimento telefónico diario, distribución de comidas ou acompañamento a todas as persoas que precisen atención psicolóxica especializada. Dende logo, agora máis ca nunca, dado que practicamente estamos de novo confinados, é vital este servizo, porque hai que evitar a toda a costa illar aos maiores e dependentes.

25 ene 2021 / 20:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.