Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Deputación coruñesa e os concellos de Santa Comba, Mazaricos e Zas estudan acondicionar unha senda fluvial de 65,5 quilómetros // Vai atravesar un bosque atlántico, descubrir fervenzas e amosar a súa riqueza monumental TEXTO M. Boo

Un paseo polo río Xallas pode ser unha vivencia para non esquecer

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou o concello de Mazaricos para estudar, xunto co alcalde dese municipio e os rexedores de Santa Comba e Zas, o proxecto de senda polo Xallas que percorrería un total de 65,5 quilómetros. A actuación conta cun orzamento de 400.000 euros para acondicionar un itinerario que permite descubrir un rico patrimonio natural e histórico dun territorio que atravesa os tres concellos.

No consistorio, o vicepresidente da Deputación da Coruña xunto cos alcaldes de Mazaricos, Juan Blanco; de Zas, Manuel Muíño; e de Santa Comba, David Barbeira, estudaron o proxecto de acondicionamento da senda fluvial a través da beira do río Xallas que percorre territorios dos tres municipios e que poderá ser transitada na súa totalidade a pé ou mesmo en bicicleta.

Despois de coñecer o proxecto presentado polos tres alcaldes, Xosé Regueira comprometeu o apoio ao seu financiamento e destacou o “interese turístico, patrimonial e tamén económico, en especial no momento actual en que o sendeirismo e, en xeral, o deporte e o turismo ao aire libre, foron tomando forza polos efectos da pandemia nunha dirección na que, sen dúbida, se continuará unha vez que rematen as restricións”, indicaba.

Os tres alcaldes, Juan Blanco, Manuel Muíño e David Barbeira, afondaron na riqueza da senda, que supón un importante recurso turístico e de lecer para a veciñanza das tres localidades e para visitantes que se achegarán para gozar dunha senda de longo percorrido que sorprenderá pola súa beleza e posibilidades. Na reunión acordouse tamén comezar coa tramitación dos permisos de Augas de Galicia e Patrimonio e trasladar o proxecto ós departamentos de Turismo e Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

A mencionada senda percorre un total de 65,5 quilómetros, dos que 25,3 pertencen ao concello de Santa Comba, 4,7 ao de Zas e 35,5 ao de Mazaricos, e no seu traxecto inclúense recursos de grande riqueza paisaxística natural, etnográfica e artística.

O proxecto ten un orzamento de 400.000 euros para unha actuación que contempla o acondicionamento de todo o trazado coa roza de malezas e sinalización, ademais da construción de dez pontes peonís colgantes de aceiro galvanizado e madeira. Ademais, contempla a instalación de quince paneis informativos, varandas metálicas, carteis de dirección e espazos de lecer con mesas e asentos.

Na senda, puntos de especial interese natural e paisaxístico son a Fervenza de Castriz, a praia fluvial de San Salvador, a presa da Xesteira, o encoro da Fervenza, a praia fluvial de Esmorode, Devesa do Anllares, o encoro de Santa Uxía, a fervenza da Noveira ou mesmo o miradoiro que sorprendeu pola beleza das súas vistas a Frei Martín Sarmiento e que agora leva o seu nome. Asimesmo, entre os puntos de atractivo monumental e patrimonial atópanse, entre outros, a capela de Rubín, a Ermida de San Blas ou a ponte e o castro de Brandomil.

A senda do Xallas arranca no concello de Santa Comba, concretamente na Fervenza de Castriz, á beira dos muíños do río Mira. Atravesa logo Castriz diante do seu cruceiro, preto da praia fluvial de San Salvador. No lugar de Abaixo de San Salvador sinalízase un sendeiro alternativo que discorre por camiños de pescadores no que se mostra a beleza paisaxística do Xallas.

A seguir a beira do río, atópase a antiga presa da Xesteira, onde aínda se poden ver as casetas nas que se facían funcionar as turbinas que daban electricidade a moitas aldeas de Santa Comba, cunha primeira mostra da explotación da forza do río para obter enerxía.

O Santuario de Nosa Señora da Saúde, coñecido como a capela de Rubín, mostra de estilo gótico do século XVI, xunto coa fonte constitúen dous interesantes exemplos do patrimonio artístico da ruta.

O camiño levará á praia fluvial de Esmorode coa posibilidade de tomar outro camiño alternativo de uso dos pescadores, e á Ermida de San Blas, do século XVIII, e a Ponte de Brandomil do século XVII –pola que atravesaba o Camiño de Santiago a Fisterra–, xa en Zas, onde atoparemos o castro de Brandomil.

O lugar de Quintáns abre as portas do encoro da Fervenza, un dos máis grandes de Galicia, con posibilidade de facer rutas en kayak, que permite, ao atravesar a ponte, entrar xa no concello de Mazaricos.

A Devesa do Anllares, un dos últimos bosques atlánticos onde conviven carballos, acivros, bidueiros, freixos, fentos e musgos, é proba da riqueza do patrimonio natural que atravesa o Xallas, antes de chegar ao encoro de Santa Uxía, o último previo á a desembocadura do río. A vista que marabillou a Frei Martín Sarmiento desde o miradoiro que agora leva o seu nome é outra das experiencias inesquecibles do camiño.

A fervenza da Noveira, sobre o río Arcos que desemboca no río Xallas, antes de chegar á aldea de O Fierio, punto final dunha senda que permite coñecer un patrimonio de grande riqueza paisaxística e patrimonial, a pouco xa do mirador do Ézaro e a fervenza do Xallas, é o remate do recorrido do río, xa en Dumbría.

07 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.