Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Museo Terras do Xallas foi inaugurado no 2012, froito dunha iniciativa do Concello que saiu adiante grazas á colaboración da veciñanza // A intención é ir renovando a oferta e interactuar máis cos visitantes

Un percorrido pola historia xalleira nun emblemático espazo de Santa Comba

Fotografías históricas, libros, pezas tradicionais e lápidas romanas son algúns dos elementos que nos podemos atopar no Museo Terras de Xallas. Abriu as súas portas no ano 2012 poñendo en valor un espazo que o Concello de Santa Comba adquirira sobre o ano 2000 e que fora rehabilitado na súa parte interior a través dun Obradoiro de Emprego. E este lugar trátase da Casa do Pozo (pazo de Santiso). Naquela época non tiña utilidade e a través da iniciativa do alcalde daquel momento, Antonio Landeira e dos traballadores municipais aproveitouse a existencia dunha serie de temas etnográficos arquivados para construír o museo.

“Tiñamos recopilado un conxunto de fotos históricas de Santa Comba, máis de 3.500, que analizamos ata atopar os nomes das persoas que aparecían”, explica José Manuel Vázquez, técnico municipal e un dos responsables do Museo. Esas fotografías foron donadas polos veciños e agora están agrupadas segundo a temática como pode ser a emigración, a vida social ou o deporte. A maiores, foron sumando patrimonio en forma de libros e obxectos da antiga igrexa barroca da capital de Xallas. Ademais da exposición de fotografía hai unha parte etnográfica que recolle historias importantes como a vinculación do pobo cos celtas ou a orixe do nome e escudo de Santa Comba. Por outra banda, no salón nobre da planta baixa celébranse bodas cívís e cando non se da o caso móstranse uns paneis cos xalleiros máis ilustres. E indo máis alá, nunha das salas hai dúas lápidas de soldados romanos que se atoparon na zona de Santa Comba. Así viaxamos no tempo para descubrir o que escondía esta terra.

Os veciños tamén colaboraron entregando materiais de cociña antigos ou outros elementos tradicionais. “A aportación da veciñanza foi clave para construír o Museo”, afirma José Manuel.

A súa ubicación no pazo de Santiso foi escollida tendo en conta que ese espazo rehabilitado non tiña anteriormente un destino. Ademais, “é o único edificio realmente histórico que conservamos no casco urbano de Santa Comba”.

XESTIÓN DAS VISITAS. Para as visitas débese facer unha reserva previa. “Grupos de visitantes, colexios ou grupos de veciños poñénse en contacto con nós para unha data concreta e fáiselle unha visita guiada”, explica o técnico municipal. Pola contra, cando teñen lugar exposicións temáticas puntuais establécese un horario concreto de visitas.

EN BUSCA DUNHA MAIOR INTERACTIVIDADE. Xa pasaron oito anos dende que se inaugurou o Museo e a través del moitas persoas coñeceron un pouco mellor a vida dos xalleiros desde mediados do século XX. Agora toca preguntarse se hoxe en día é valorado polos máis achegados e temos unha resposta. “Á xente máis maior gústalle ver parte dos seus antepasados e cando facemos actividades dirixidas con grupos de nenos e nenas tamén lle dan importancia á parte da historia de Santa Comba. Dáselle valor pero debe ser labor do Concello ir renovando a oferta que lle podemos dar aos veciños”, conta un dos responsables do Terras do Xallas. De cara ao ano que ven pode haber novidades xa que buscarán achegarse ao público con maior interactividade.

29 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.