Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vedra avanza na economía Gig con concellos de Italia, Irlanda e os Países Baixos

Forma parte dun proxecto europeo que ten como obxectivo abordar as oportunidades e riscos do autoemprego cos mozos

En colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Agaca, Vedra participa nun proxecto europeo xunto con concellos de Irlanda, Italia e os Países Baixos. O municipio é un dos oito socios da iniciativa Entering the Gig Economy, financiado no marco do programa Erasmus+, liderado polo Consello do Condado de Meath (Irlanda) e no que participan organismos e municipios de Italia e os Países Baixos.

Desde setembro do 2019 e ata o vindeiro febreiro do 2022 a proposta ten como obxectivo abordar os riscos e as oportunidades do autoemprego e capacitar aos mozos e mozas que queiran ingresar neste mercado.

Este programa investiga a realidade da economía Gig para tirar partido dela. Coñecida en ocasións como “economía baixo demanda”, este modelo nace dun mercado no que se mesturan oportunidades vinculadas ás novas tecnoloxías, contratos temporais, un menor interese na mocidade por ter traballos a tempo completo e escenarios económicos que cambian moi rápido. Entering the Gig Economy intenta saber si este modelo pode ser unha saída a novos xeitos de traballar, si é máis doado liberar a creatividade, ou pola contra é unha idea pasaxeira e inadecuada que precisa ser regulada.

No último ano, sinalan dende o Concello, os socios “traballaron intensamente, desde marzo de xeito virtual, identificando as boas prácticas e as historias de éxito da economía Gig nos seus ámbitos”. O proxecto entrevistou a cámaras de comercio, traballadores Gig, consultores de proxectos da UE, avogados, universidades, escolas, autoridades locais e rexionais, traballadores xuvenís, etc. “Os resultados da investigación mostran que esta forma de emprego debería apoiarse e promoverse máis, especialmente entre as persoas mozas, en tempos de pandemia, cando hai cambios significativos no mercado laboral”, sentencian fontes municipais. Como parte do proxecto creouse un Grupo de Referencia no que participan profesionais de distintos ámbitos e responsables da formulación de políticas e toma de decisións en cada un dos países participantes.

Vedra, indica o goberno local, “aportou ao proxecto dez expertos da Universidade de Santiago de Compostela, EFA Galicia, Xunta de Galicia, Confederación de Empresarios da Coruña e outros”. O grupo contribúe á avaliación da calidade da iniciativa e ás actividades de difusión, e brindará retroalimentación aos socios.

“A participación no proxecto é unha oportunidade para o concello de Vedra xa que amplía o coñecemento directo sobre a economía Gig, sendo unha oportunidade á hora de preparar á veciñanza tanto para as oportunidades como para as amezas destes novos escenarios”, conclúen dende a Corporación.

ORIXE DO TERMO. O nome fai referencia aos ‘bolos’ (gig en inglés), actuacións esporádicas de músicos ou artistas que cobran por cada bolo que fan. Levado o termo ao mercado laboral, a Gig Economy inclúe todos os traballos que se realizan de forma independente, cunha duración concreta e sin ter unha relación de exclusividade coa empresa que os contrata. Sería equiparable ao labor dun autónomo ou freelance co rasgo característico de que soe tratarse de pequenos encargos ou tarefas baixo demanda.

24 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.