Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vedra celebra as nosas Letras con certames literarios e moita música

Vedra. O Concello de Vedra anticípase ao Día das Letras Galegas, que este ano levan nome de muller con Xela Arias como protagonista, creando un programa no que a música, e por suposto, a escritura en lingua galega son o punto de partida. Por unha banda, dende o goberno local sacan á luz a iniciativa E ti que contas? coa que animan a escribir relatos no noso idioma, cun máximo de 200 palabras. O formato é libre (en forma de carta, redacción, conversa...) e debe enviarse antes do día 10 a cultura@concellodevedra.com.

Todos os relatos serán publicados nos medios de difusión municipais e entre os recibidos sortearanse vales para gastar no comercio local. O Día das Letras, o 17 de maio, publicarase o gañador ou gañadora.

Pola súa parte, a Asociación Cultural San Campio propón unha nova edición do seu concurso Serán das Letras. Neste caso poderase concursar na modalidade de debuxo, poesía ou relato curto, e hai establecidas cinco categorías por idades. O prazo para entregar os traballos remata o día 21 deste mes. Os tres gañadores e gañadoras de cada categoría levarán un lote de libros e un vale. O fallo do xurado farase público o venres 28 de maio a través das redes sociais da asociación e do Concello. Ao día seguinte será a entrega de galardóns na casa da cultura de San Miguel de Sarandón.

A música tamén tomará parte na programación deste ano. O domingo 16, a banda de música de Santa Cruz de Ribadulla actuará na Carballeira de Souto de San Xián de Sales. A cita será ás 12.30 horas e por suposto cumpriranse con todas as medidas de seguridade.

Será un concerto con música en galego para homenaxear á nosa lingua e a Xela Arias, editora, tradutora e poetisa á que este ano se lle adica o Día das Letras. A.P.

01 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.