Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Consellería de Medio Ambiente repartirá ao longo deste ano tres mil novos composteiros // Os solicitantes recibirán tamén un curso de formación // A Xunta incide na súa aposta por unha xestión dos residuos máis responsable TEXTO A. Prada

Vedra conta con 230 familias que realizan a compostaxe

A compostaxe non fai máis ca crecer nos municipios da área compostelá. E é que hai que lembrar que esta práctica (proceso de descomposición da materia orgánica xerada no fogar para obter compost, e empregalo despois para acondicionar os xardíns ou hortas) supón beneficios tanto medioambientais como económicos. Precisamente por iso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartirá ao longo deste ano un total de 3.000 novos composteiros, polo que a rede de compostaxe doméstica posta en marcha por Sogama superará as 18.000 unidades.

Onte a conselleira Ángeles Vázquez; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a Xefa Territorial de Medio Ambiente, Cristina Carrión; e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, achegáronse ata Vedra, un dos municipios de Área máis concienciados coa compostaxe e coas prácticas sostibles en xeral. Alí a titular de Medio Ambiente avanzou a licitación que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) vén de realizar para adquirir 3.000 novos composteiros, coa fin de atender as peticións dos distintos colectivos. En concreto visitaron a vivenda dun dos veciños da vila, Jesús Furelos, que conta na súa horta cun composteiro e que é un gran exemplo de compromiso con esta práctica.

A conselleira explicou que o programa da Xunta de Galicia, ademais do reparto dun composteiro cunha capacidade duns 400 litros, tamén implica recibir un curso de formación para ensinarlles aos participantes voluntarios a técnica, e asesoralos en aspectos, como onde localizar o mesmo (nunha zona no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos organismos), o control de parámetros que inflúen na compostaxe (o osíxeno, a temperatura ou a humidade), así como unha relación de refugallos que deben, e que non, depositarse. Lembrou que na actualidade en Galicia hai 15.200 composteiros (só no Concello de Vedra cóntanse 230), xestionados por un total de 364 entidades, entre as que destacan 205 concellos, 135 centros educativos e 24 colectivos sociais. Ángeles Vázquez aproveitou a visita para recalcar que a autocompostaxe “é un exemplo da efectividade da economía circular, pois é unha práctica que evita que a materia orgánica xerada nos fogares acabe depositada na bolsa negra no contedor verde, e dalle unha segunda oportunidade como un novo material”, lembrou.

Asemade, a conselleira defendeu que co traballo que se realiza ao abeiro deste programa achégase un grande apoio e complemento ao traballo que farán as catro plantas de tratamento de biorresiduos de titularidade de Xunta (unha en Cerceda, xa operativa, e as tres restantes en marcha: Vilanova de Arousa, Cervo e Verín), para axudar aos municipios a cumprir coa normativa que fixa Europa e que establece que a finais de 2023 deberá estar implantado o denominado quinto contedor. Por último, concluíu que a recuperación da materia orgánica “fomenta o desenvolvemento sostible para frear o cambio climático e reducir a pegada ecolóxica; polo que unha das preocupacións do Goberno galego para os vindeiros anos será avanzar nunha xestión dos residuos máis eficaz e responsable”.

O PROTAGONISTA
“A PRÁCTICA LEVA NA VILA DESDE 2012”
Carlos Martínez
Alcalde de Vedra

“Hoxe Vedra recibiu unha recompensa polo bo traballo das 230 familias que solicitaron os seus composteiros, que locen nas súas hortas como exemplo do seu correcto uso”, sinala o rexedor vedrés. “Calquera desas máis de 200 hortas” nas que se poden ver os composteiros “serían unha boa mostra de compromiso”, engade Carlos Martínez. Con todo, onte escolleuse visitar “a horta do vedrés Jesús Furelos na que se evidencia o bo uso da compostaxe”.

Martínez reitera que levan apostando desde o 2012 por esta práctica “para o que contamos sempre coa colaboración de Sogama, a sabendas dos beneficios que esta supón para a redución do volume de residuos producidos e tamén os custos derivados da frecuencia da recollida dos colectores xenéricos”, indica. “Sabemos que a compostaxe non elimina a necesidade dun 5º colector, pero si a reduce”, sentencia.

{ A OLLADA }
Unha Galicia máis sostible
A. Prada

a expansión da práctica da compostaxe polo rural galego supón traer de novo unha tradición cen por cen nosa como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e a elaboración de compost. Esta práctica é valiosa para coidar o medio ambiente, posto que se reducen os refugallos que van para ao contedor verde, e mellóranse as condicións físicas, químicas e biolóxicas do solo. Tamén é positiva dende o punto de vista económico, xa que os concellos ven reducida a factura a pagar a Sogama. Por todo isto, é de agradecer a forte aposta que a Xunta está a facer pola xestión dos recursos coa fin de conseguir unha Galicia máis sostible. A situación medioambiental é moi grave a nivel planetario. Toda axuda é pouca.

24 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.