Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Xa poden verse en Youtube oito novos vídeos do proxecto que amosa o patrimonio e a historia do municipio // Desta vez participan estudantes do CPI da vila e fíxose unha entrevista á Banda de Música da parroquia protagonista TEXTO Alba Prada

Vedra convida a visitar online Santa Cruz de Ribadulla

A terceira visita guiada que conforma o proxecto V12 De parroquia en parroquia posto en marcha polo Concello de Vedra o pasado mes de novembro xa pode visualizarse a través da páxina de Facebook @turismoVedra e na web www.concellodevedra.com. Hai que lembrar que esta iniciativa, que ten como máxima encargada á técnica de Turismo do Concello, Charo Canicoba, nacía con ánimo de facilitar o coñecemento da historia e o patrimonio do municipio vedrés a pesar das restricións da pandemia.

E é que V12 achega cada mes en forma de pequenos vídeos unha visita guiada por unha zona concreta da vila. Charo Canicoba, móbil en man, é a encargada de ir mostrando cada recuncho a veciños e curiosos e de ir relatando a historia e o significado que agochan todos eles.

Desde o venres xa están subidas á Youtube as oito pezas audiovisuais que percorren Santa Cruz de Ribadulla. “Desta vez céntranse na parroquia de Santa Cruz, no famoso Pazo, na flor da camelia e na Banda de Música de Santa Cruz”, explica a técnica municipal. De feito Charo Canicoba acudiu a un dos ensaios da Banda e aproveitou para entrevistar aos seus membros. Outros dos protagonistas desta nova ruta online serán estudantes de 12 anos do CPI Plurilingüe de Vedra, que se encargaron de falar das festas de Santa Cruz. “Unha visión da parroquia dende a perspectiva de nenas de 12 anos”, apunta Charo. O estudantado do CPI recibiu a técnica antes das vacacións de Nadal para entrevistala acerca deste proxecto, e “xa daquelas se amosaron moi interesados en formar parte”, conta.

O certo é que V 12 De parroquia en parroquia está a ter unha gran acollida tanto entre a propia veciñanza, que sempre descobre algo novo, como fóra do municipio. De feito son moitos os interesados en facer as rutas presencialmente, pero de momento e mentres non mellore a situación, só poderán organizarse de forma virtual.

Aínda quedan itinerarios programados ata o vindeiro outubro, xa que a idea é facer un por cada mes do ano. Para o vindeiro mes de febreiro abordarase, como non, o Entroido cunha ruta por San Xián de Sales, e en marzo o percorrido centrarase en Merín. A ruta de abril levará por nome De pesca e viño: San Miguel de Sarandón, a de maio De flora e fauna: San Pedro de Sarandón. En xuño a protagonista será Illobre e en xullo, San Mamede de Ribadulla. Para agosto está previsto un itinerario pola historia e a arquitectura popular de Vilanova, setembro centrarase en San Fins de Sales, mentras que en outubro, percorrerase Trobe.

Por certo, que os que aínda descubran agora estas visitas guiadas non deben perderse a primeira, subida en novembro e centrada en itinerarios pola Ponte Ulla con seis vídeos titulados San Xoán da Cova, O camiño de Gundián, Pontes de Gundián, O camiño e A vila de Ponte Ulla. Tamén deben botarlle unha ollada á ruta de decembro, centrada na parroquia vedresa. Nesta visita Charo aborda a vida cotiá na Galicia de finais do século XIX e principios do XX, os motivos que levaron á emigración, e de como intentaron adaptarse a vida en Bos Aires, sen logralo de todo.

Interveñen nos vídeos Xurxo Cerdeira, que fala da sociedades de emigrantes, e Antonio Vázquez (veciño de Vedra), que aborda a festa e a capela do San Queitán. Ademais, conectan con Arxentina, concretamente con Camila Pérez (neta de emigrantes), que percorre Villa Galicia, barrio onde vivían moitos vedreses, e visita a Sociedade Parroquial da vila en Bos Aires. Dende logo, unha forma moi práctica de empaparse de Vedra.

25 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.