Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vedra crea un espazo de lecer na contorna do campo de fútbol

A Deputación achega 87.924 euros e o Concello case trinta mil // Construirán nova bancada e accesos, así como xardíns e tarefas de drenaxe

A Deputación da Coruña cofinancia a través do Plan Único a remodelación da contorna do antigo campo de fútbol de Vedra para crear un espazo verde público para o lecer destinado á cidadanía. O ente provincial achega 87.924 euros para o proxecto e o Concello de Vedra 29.308. O orzamento total do proxecto ascende a 117.232 euros.

As obras atópanse en fase de licitación, puidendo presentarse ofertas ata o próximo 29 de marzo. O prazo de execución será de seis meses.

A través desta iniciativa, a Deputación e o Concello de Vedra pretenden rehabilitar o lugar de Fontao, onde se atopa o antigo campo de fútbol de Vedra, en estado deficiente e de semiabandono, para convertelo nun espazo verde público para a diversión e lecer da cidadanía. O campo sitúase ademais nunha zona privilexiada, xa que nas proximidades están o colexio público, o centro de saúde, o pavillón municipal, a biblioteca e o centro de terceira idade.

As actuacións a levar a cabo dan continuidade ás primeiras accións realizadas no 2017 e inclúen a mellora e acondicionamento do espazo a través de tarefas de axardinado, drenaxe e a construción de novos elementos de xogo e descanso. A reforma dará unha segunda vida ás estruturas das antigas bancadas e vestiarios, que serán acondicionadas e acollerán os baños públicos. Tamén se prepararán para que na última fase da renovación ambas edificacións sexan autosuficientes enerxeticamente. A iniciativa contempla ademais a construción dunha nova bancada de formigón na parte este do campo.

Unha vez demolidos a cantina e os outros vestiarios –ambos fóra da ordenación– e a construída pista de rodadura, plantéxase un espazo público aberto de carácter verde en consonancia coa paisaxe que o rodea e onde se insertarán novos usos deportivos e unha serie de operacións de axardinamento.

O traballo no perímetro do antigo campo de fútbol completarase cun camiño de acceso á bancada existente e unha baixada en rampa aos vestiarios que se atopan baixo desta, que tamén serán remodelados. Así pois levarase a cabo a apertura de ventás e portas para iluminar con luz natural o espazo interior. Tamén se dotará ás instalacións dun baño adaptado, taquillas e almacéns.

15 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.