Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
No marco do proxecto V 12 De Parroquia en Parroquia o Concello publica sete novos vídeos que abordan a Galicia de finais do século XIX e principios do XX
// Participa unha arxentina que mostra o barrio dos vedreses TEXTO Alba Prada

Vedra fai unha ruta virtual por as tradicións e a emigración

O Concello de Vedra segue mostrando ao mundo o seu patrimonio a través de rutas virtuais no marco do proxecto V12 De parroquia en Parroquia. A técnica de Turismo, Charo Canicova, é a encargada de ir amosando co seu móbil as diferentes paradas que conforman os itinerarios. Ademais vai explicando a historia de cada recuncho e de cada elemento patrimonial que atopa ao seu paso. A idea inicial era facer estos percorridos de forma presencial, pero debido á pandemia decidiuse arrancar o proxecto online. Iso si, a intención do Concello é desvirtualizar o proxecto en canto a situación o permita.

O pasado mes de novembro arrancaban os itinerarios na Ponte Ulla con seis vídeos titulados San Xoán da Cova, O camiño de Gundián, Pontes de Gundián, O camiño e A vila de Ponte Ulla. Todos eles poden verse a través da páxina de Facebook @turismoVedra e na web www.concellodevedra.com. A técnico de turismo está moi satisfeita coa acollida que tiveron as primeiras pezas, posto que a día do hoxe contan con máis de 900 visualizacións. Tras este éxito inicial, onte o Concello subiu a nova ruta, desta vez, pola parroquia de Vedra, e está conformada por sete pezas audiovisuis, que xa poden verse xunto ás anteriores.

Segundo explica Charo “nesta visita falamos de como era a vida cotiá na Galicia de finais do século XIX e principios do XX, dos motivos que levaron a miles de veciños a emigrar, e de como intentaron adaptarse a vida en Bos Aires, sen conseguilo de todo, mantendo sempre as súas tradicións e a mirada cara a terra”. De feito, esta segunda proposta incorpora novidades, posto que tamén interveñen os veciños. “Temos a Xurxo Cerdeira que nos fala da sociedades de emigrantes, e a Antonio Vázquez, (veciño de Vedra), que aborda a festa e a capela do San Quietán”, explica a artífice dos vídeos. Ademais conectan con Arxentina, concretamente con Camila Pérez (neta de emigrantes) “que percorre Villa Galicia, barrio onde vivían moitos dos nosos veciños e veciñas, e visitará a Sociedade Parroquial de Vedra en Bos Aires”. E por suposto, engade, “falamos do que une a estas dúas galicias, separadas por 120.000 quilómetros, que son as nosas tradicións e costumes, a nosa lingua, a nosa identidade”, sentencia.

Os percorridos de ‘V 12 De parroquia en parroquia’ continuarán durante os vindeiros dez meses. Así, para xaneiro está prevista ‘De camelias e música: Santa Cruz de Ribadulla’. Febreiro abordará, como non, o Entroido cunha ruta por San Xián de Sales, e en marzo o percorrido centrarase en Merín. A ruta de abril levará por nome ‘De pesca e viño : San Miguel de Sarandón’, a de maio ‘De flora e fauna: San Pedro de Sarandón’. En xuño a protagonista será Illobre e en xullo, San Mamede de Ribadulla. Para agosto está previsto un itinerario pola historia e a arquitectura popular de Vilanova, setembro centrarase en San Fins de Sales e en outubro, percorrerase Trobe.

Con todas estas rutas virtuais, o Concello consegue mostrarlle aos veciños, e ao mundo, cada recuncho do municipio, e de paso, divulgar a súa historia. Dende logo, unha boa maneira de viaxar sen saír da casa. O interese por esta iniciativa é tal que Charo tamén acudiu ao CPI Plurilingüe de Vedra, onde o alumnado está a aproveitar os vídeos como material didáctico. “Fixéronme unha entrevista para incluila dentro do programa ‘Vedra Medra’, un proxecto educativo deste centro que busca poñer en valor o patrimonio do municipio e da súa contorna”. A entrevista sairá publicada na páxina de Facebook do CPI.

19 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.