Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Hoxe sae á luz a cuarta entrega do programa de rutas guiadas online // Desta vez son sete vídeos nos que tamén se falará de Casas Grandes // Terá protagonismo a veciñanza para abordar os famosos Xenerais da Ulla e amosar o traxe TEXTO A. Prada

Vedra mostra ao mundo o seu Entroido e San Xián de Sales

Hoxe hai nova entrega do programa ‘V12 De parroquia en parroquia’, que desta vez descubrirá a historia e todo tipo de curiosidades acerca da parroquia de San Xián de Sales, de Casas Grandes e do famoso Entroido da Ulla, do que Vedra forma parte. Hai que recordar que esta iniciativa, que ten á técnica de Turismo municipal Charo Canicoba como artífice principal, leva en marcha dende o pasado mes de novembro e ten como obxectivo mostrarlle ao mundo, e á propia veciñanza, todos os recunchos do municipio vedrés. Axudándose co móbil, Charo recorre cada mes unhas localizacións diferentes que vai ensinando, e das que vai contando a súa historia. Ademais realiza tamén entrevistas para complementar estas visitas guiadas virtuais. Deste xeito, lógrase pór en valor o patrimonio e a paisaxe vedresa a pesar da pandemia. Con todo, as esperanzas non se perden, e en canto a situación o permita, a idea é poder facer estas rutas presenciais.

A técnica de Turismo explica que esta cuarta entrega está conformada por sete vídeos. Nunha primeira peza abordarase a historia do Entroido, a modo de introducción, e no segundo vaise percorrer a parroquia de San Xián de Sales, a igrexa, o campo da festa, o Muíño de Novais e Casa Indiana. A terceira e quinta peza estarán protagonizadas pola veciñanza. Unha delas céntrase no Entroido e interveñen un veciño novo e outro maior “para mostrar as súas perspectivas”, indica Canicoba. Noutra das pezas unha persoa adícase a comentar a composición dun dos traxes máis destacados do Entroido Galego: o dos Xenerais da Ulla. Todo, mentres viste de xenarala á propia técnica de Turismo. Hai outro vídeo (o cuarto) centrado en Casa do Sol; outro no que se recorrerá o Pazo Cibrán e un último no que se relata a orixe e evolución da centenaria Sociedade de Emigrantes de la Unión y Progreso de San Julián en Bos Aires.

Aínda quedan itinerarios programados ata o vindeiro outubro, xa que a idea é facer un por cada mes do ano. A próxima visita de marzo centrarase en Merín. A ruta de abril levará por nome ‘De pesca e viño: San Miguel de Sarandón’, a de maio ‘De flora e fauna: San Pedro de Sarandón’. En xuño a protagonista será Illobre e en xullo, San Mamede de Ribadulla. Para agosto está previsto un itinerario pola historia e a arquitectura popular de Vilanova, setembro centrarase en San Fins de Sales e en outubro, o percorrido farase por Trobe.

Ata o momento xa foron tres as rutas realizadas e todas elas, que por certo tiveron moito éxito, poden verse a través da páxina de Facebook @turismoVedra e na web www.concellodevedra.com. A primeira, subida en novembro, centrouse en itinerarios pola Ponte Ulla con seis vídeos titulados ‘San Xoán da Cova’, ‘O camiño de Gundián’, ‘Pontes de Gundián’, ‘O camiño’ e ‘A vila de Ponte Ulla’. A de decembro abordou a parroquia vedresa, e concretamente a vida cotiá na Galicia de finais do século XIX e principios do XX e os motivos que levaron a miles de veciños a emigrar, e de como intentaron adaptarse a vida en Bos Aires. Interveñen nos vídeos Xurxo Cerdeira, que fala da sociedade de emigrantes, e Antonio Vázquez (veciño de Vedra), que aborda a festa e a capela do San Queitán. Ademais conectan con Arxentina, con Camila Pérez (neta de emigrantes) que percorre Villa Galicia, barrio onde vivían moitos vedreses e visita a Sociedade Parroquial da vila en Bos Aires. Os vídeos do mes pasado amosaron Santa Cruz de Ribadulla, o famoso Pazo, a flor da camelia e a Banda de Música da parroquia. En definitiva, Vedra en estado puro.

19 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.