Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Padrón terá mañá unha representación teatral no auditorio // Camariñas vai aproveitar a efeméride para ensalzar aos escritores locais // Ames porá en marcha un obradoiro para nenos e Touro realizou un vídeo coa veciñanza TEXTO Ana Pérez

Viaxar en pandemia é posible a través das páxinas dun libro

Ler é un dos maiores praceres da vida. Os libros non só son a base da educación, senón que se converten na mellor forma de evadirse, de soñar e de viaxar coa mente a lugares e situacións completamente descoñecidas. Moitos foron os que descubriron o seu valor durante o confinamento, cando se converteron na mellor forma de sobrelevar a realidade, cando se converteron na única maneira de saír do fogar... Mañá celébrase o súa efeméride e os concellos de Área non quixeron perder a oportunidade para fomentar a lectura.

Así, a biblioteca municipal de Padrón celebra o Día do Libro mañá, ás 17.30 horas, cunha representación teatral no auditorio municipal. Sarabela Teatro presenta O secuestro da bibliotecaria, un espectáculo para público familiar co que o Concello padronés recupera a cultura segura. Silleda homenaxea este xoves a efeméride cunha sesión de contos a cargo de Raquel Queizás, baixo o lema Somos Iguais. Contos pola igualdade. Xa en Caldas este venres terá lugar a sesión de contos Un libro baixo almofada a cargo de Felipe Díaz Valle Caxoto, para o alumnado de 3º de Primaria dos diferentes centros educativos.

En Camariñas, a través do proxecto Libros de aquí, deseñado pola biblioteca local, divulgarán as obras de autores locais e doutros que escriben sobre o municipio, como Rafael Lema, autor de Camiño dos Faros: leyendas de la Costa da Morte; Diego Garrote Novo, con Nuestra zarina; Víctor Fernández Alves, con Notas a pé de barra e Guadalupe Jiménez-Esquinas coa súa tese titulada Del paisae al cuerpo: la patrimonialización de la Costa da Morte desde la antropología feminista. En Vimianzo celebrarase a efeméride este venres coa representación da obra Libre como os paxaros de Teatro do Atlántico, nunha actividade comprendida dentro da programación especial da Deputación e na que participará a mocidade de 3º e 4º de ESO do IES Terra de Soneira.

Na Laracha, o sábado, día 24, Baobab Teatro presentará o espectáculo infantil Ris Ras. A cita é ás 18.00 horas na casa da cultura. A entrada é gratuíta e soamente se permitirá o acompañamento de adultos no caso de que non se complete cos cativos a capacidade máxima da sala. E en Zas, o IES Maximino Romero de Lema, de Baio, segue hoxe o ciclo de encontros literarios. A convidada é Elisa Franco, quen presentará a súa obra Pasaxe na memoria. Boiro súmase á homenaxe, xunto ás bibliotecas dos centros de ensino do municipio, cun vídeo e unha publicación. O audivisual leva por nome Boiro le e está gravado coa colaboración de nenos. Tamén coa axuda dos centros educativos se vai editar unha publicación impresa con microrrelatos que levan a palabra “libro”.

Pola súa banda, Santa Comba está a elaborar unha serie de vídeos nos que a veciñanza xalleira se mergulla na maxia dun libro. E Ames acolle este xoves a presentación, ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina, das obras de banda deseñada de Tomás Guerrero. Xa o sábado, 24 de abril, ás 11.30 horas, realizarase o obradoiro Autores con pegada, na biblioteca de Bertamiráns para 3º a 6º de Educación Primaria. En Melide, os pequenos divertiranse con varias actividades de contacontos e incluso participarán nun xogo de scape room. Touro, pola súa parte, creou un vídeo no que a veciñanza fomenta o gusto pola lectura a través de varias citas de persoas ilustres. Tamén, ao igual que en Frades, haberá un taller de elaboración de marcapáxinas dirixido aos máis pequenos e pequenas, mentras que ao auditorio de Negreira volverá o teatro con Vida de cans, este venres ás 20.30 horas (de balde, pero con reserva no teléfono 981 885 886).

22 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.