Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Visitas para descubrir os tesouros do Pico Sacro

A Semana Santa congregou a xente de toda Galicia nunhas rutas xeolóxicas que gustaron especialmente ás familias

Máis de medio cento de persoas optaron por un plan diferente para Semana Santa: participar nas visitas xeolóxicas guiadas ao Pico Sacro. Este programa, organizado pola empresa Geotur Galicia en colaboración co Concello de Boqueixón, rexistrou un novo éxito de convocatoria, con dúas quendas de visitas durante as xornadas festivas.

Dende a organización desta proposta amosaron a súa satisfacción “pola excelente acollida a estas rutas xeolóxicas”, e lembran que contaron cun máximo de oito persoas e o guía, cumprindo, desta forma, con todas as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID.

“A meteoroloxía axudou moito, porque o sábado e o domingo fixo un sol magnífico, e o Xoves e Venres Santos, aínda que estivo nubrado, non choveu nada no Pico Sacro”, sinalaron dende a organización. As visitas contaron con participantes procedentes de distintos puntos de Galicia como Santiago, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Os grupos estiveron compostos sobre todo por familias, xa que, dacordo co guía turístico Joaquín Rubal, “ás crianzas gústanlle moito os relatos de covas, pasadizos, dragóns e tesouros ocultos. Tamén acudiu bastante xente afeccionada á xeoloxía, e que nos comentaba que a oferta turística de visitas xeolóxicas é moi reducida”, concretou o guía.

Entre os detalles que máis chamaron a atención durante estas rutas xeolóxicas salientaron os organizadores “as espectaculares vistas panorámicas dende o cumio do Pico Sacro”, así como “a longa e complexa historia xeolóxica” deste enclave. Do mesmo xeito, “tamén gusta moito o feito de poder ver ben o interior da entrada da Cova do Pico, xa que nas visitas iluminamos o seu escuro interior cunha potente luz”.

Ademais de contar cunha información diferente sobre o Pico, as persoas participantes nestas visitas levaron folletos turísticos de Boqueixón. “Aproveitouse para animalos a regresar de novo ao municipio e descubrir outros puntos de interese”, indicaron fontes municipais.

06 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.