Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 octubre 2020
01:30
h

Volta segura e organizada ás clases da Escola Municipal de Música de Ames

Mañá comezan as individuais de intrumento e canto // As colectivas reanudaranse o próximo 13 de outubro

Ames. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, informa de que este xoves, 1 de outubro, comezarán as clases individuais de instrumento e canto. Posteriormente, o día 13 de outubro volverán os rapaces e rapazas, así como persoas adultas, que acoden ás clases colectivas e de agrupacións. O obxectivo é facer unha volta ás clases o máis organizada e segura posible. Esta volta ás clases está vinculada a un protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19, para crear unha contorna saudable e segura mediante o establecemento das medidas preventivas, colectivas e individuais, que deben tomarse no inicio e no desenvolvemento do curso escolar 2020-2021.

A concelleira de Cultura, Natividade González, agradeceu o traballo da coordinadora municipal e da directora da EMMA e destacou “que a adaptación da actividade da Escola Municipal de Música de Ames ao novo contexto sanitario non foi unha tarefa sinxela, pero tanto o equipo docente da EMMA como o Concello, estamos a facer unha aposta pola actividade presencial, pois sabemos que é o principal camiño a seguir, tamén nas ensinanzas artísticas”.

Deste xeito, para a volta as aulas do alumnado da EMMA elaborouse un protocolo que está baseado nas indicacións sanitarias xerais e considerando tamén ás relativas ás actividades educativas e musicais. Este protocolo pódese consultar accedendo á páxina web do Concello de Ames. É importante que o alumnado e mailas súas familias o lean para ter en conta as indicacións relativas ao acceso ao centro, uso de espazos e clases.

Entre as principais consideracións, resaltar que será obrigatorio o uso de máscaras por todo o alumnado, ademais de manter a distancia de seguridade de 1,5 metros en todo o centro. O alumnado dos instrumentos de vento só poderán retirar a máscara no momento de tocar, e por seguridade, nas clases destes instrumentos e de canto deberá respectarse unha distancia de 3 metros.

ACCESO AO CENTRO SÓ PARA O ALUMNADO. As entradas ao centro faranse pola porta principal, e as saídas pola traseira. Este ano o acceso ao centro só estará permitido ao alumnado, evitando aglomeracións no interior e garantindo que non haxa alumnado sen supervisión. Por esta mesma razón, a aula 6 de espera para familias e alumnado estará pechada.

Por outra parte, cómpre recordar que o material escolar non se poderá compartir, e no caso de ter que compartir varias persoas un mesmo instrumento, este deberá desinfectarse tras o seu uso, ao igual que as cadeiras ou mesas que poidan ser usadas. Todas as aulas contarán con desinfectante, xel hidroalcohólico e papel.

REORGANIZACIÓN DE ESPAZOS E HORARIOS. Por motivos de reorganización de espazos e horarios, hai varios grupos de linguaxe musical previstos para os xoves, que tiveron que alterar o seu horario, recolocarse en martes e venres. A profesora de linguaxe musical contactará cos alumnos e alumnas afectados por este cambio, resolvendo calquera incompatibilidade que puidese xurdir.

Desde o día 1 e ata o inicio das clases colectivas o día 13, as profesoras de música e movemento e de linguaxe musical indicarán ao alumando se precisan traer algún material específico e as familias poderán contactar con elas para calquera dúbida ou información necesaria a través do correo electrónico, podendo concertar unha cita para falar de xeito presencial se fose preciso.

Por último, as agrupacións instrumentais e vocais manterán a súa actividade, pois a escola entende que é parte fundamental da experiencia musical, pero algunhas poden modificarse para permitir un mellor aproveitamento da mesma ou establecer quendas que permitan cumprir o aforo máximo, como o caso de coro. Cada docente da especialidade explicará o funcionamento da agrupación nestas primeiras semanas de curso.

A directora da EMMA, Patricia Cadaveira, dálle as gracias, unha vez máis, a todo o alumnado e familias polo traballo e esforzo no fin de curso anterior, e agarda que “este curso veña cheo de grandes momentos musicais como nos anteriores. Sabemos, que algunhas medidas, poden supoñer un pequeno esforzo engadido, mais a intención é unicamente continuar a actividade musical coa mesma ilusión sen renunciar á seguridade”.

30 sep 2020 / 15:34
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.