Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Voluntarios negreireses únense ante o abandono de cans no municipio

Constitúen a Asociación Peludiñ@s sen Fogar en abril de 2019 // Trátase dunha colaboración co Concello de Negreira, o cal cede as instalacións e aporta os gastos para o veterinario

Moitos municipios galegos contan na actualidade con algún refuxio ou protectora de animais. En Negreira sucede algo particular. No 2018 unha serie de persoas do lugar decidiron unirse para concienciar sobre a importancia de non abandonar os cans e un ano máis tarde constituíron a Asociación Peludiñ@s sen Fogar. A idea xurdiu tras atopar un can que andaba perdido pola rúa ao cal lle chamaron Pulgas, por estar cheo delas. “Andaba sen rumbo e ningúen facía caso del. Estivémoslle dando comida”, conta María del Carmen Crespo Vázquez, presidenta da Asociación Peludiñ@s sen Fogar. A partir de ahí falaron co Concello para ver que se podería facer. “Eles déixannos as instalacións e aportan os gastos de tratamentos e veterinario. Nós conseguimos alimentos a través da colaboración de xente particular ou ben de campañas de supermercados”, explica.

Concretamente contan cunha leira grande e pechada emprazada na antiga depuradora de Negreira, xunto ao campo da feira. Nela hai unha oficina e catro caniles. Están en proceso de facer dez máis, pero co tema da pandemia aínda non se levou a cabo. De todos xeitos, a presidenta da Asociación destaca que non se comparan a outras protectoras. “O que queremos é ter a menor cantidade de cans e telos o menos tempo posible xa que non temos unhas instalacións tan apropiadas”, di. O máximo de cans que poden ter na finca é sete. Antes do Nadal deron tres en adopción polo que os catro restantes levan o nome de Zar, Lila, Camino e Rin.

Ademais do equipo de presidencia da Asociación formado por sete persoas, contan con tres voluntarias. Dende fai unhas semanas tamén dispoñen da axuda dun adestrador que lles ensina a todos unha serie de pautas. “Case todos os cans que temos veñen con medo e él axúdanos a intentar que perdan esa desconfianza”, conta. Isto é algo que calquera persoa que adopta terá en conta: a inseguridade do animal.

SOLIDARIEDADE. María del Carmen Crespo afirma que sempre hai xente disposta a doar. “Nunca tivemos problemas por conseguir comida”, afirma. Antes da pandemia celebrarase un partido benéfico e os que xogaban debían aportar algo para os cans. Nese encontro conseguiron xuntar grandes cantidades de penso. A maiores hai outros espazos por Negreira nos que a a xente deixa doazóns e persoas de Peludiñ@s sen Fogar pasan a recollelas. Dende un principio utilizan facebook para anunciar o que lles fai falta como poden ser mantas e alfombras usadas. Así, os interesados en adoptar poden obter máis información e imaxes a través da rede social.

PROCESO DE ADOPCIÓN. O primeiro que debe facer a persoa interesada é cubrir un cuestionario. Se todo sae ben acercarase ao lugar para unha entrevista persoal. “Queremos coñecer ben á persoa e se ten outros animais que os traia”, manifesta.

Ata Negreira chega xente doutras provincias galegas e incluso doutras comunidades. “Fai uns meses un dos cans ía para Bilbao pero co tema das restricións os adoptivos tiveron que esperar. Estivemos mandándolles vídeos e fotos”, destaca.

María del Carmen considera que a nivel xeral os cidadáns están cada vez máis concienciados da importancia de non abandonar un animal. Sen embargo, cree que no rural é onde hai máis problemas. “Moitos seguen coas súas ideas de antes e non lle poñen microchip aos seus cans”, asegura.

13 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.