Volve arder Leroño, en Rois, cando só pasaron quince días da vez anterior
ROIS. Segundo informaron dende Medio Rural, ás 17.41 horas deste martes declarouse en Leroño, en Rois, un incendio forestal que leva queimadas vinte hectáreas de monte. As chamas seguen activas e para combater o lume desprazáronse tres técnicos, catro axentes, trece brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 4 avións e 5 helicópteros. Este suceso chega cando só pasaron quince días do anterior, na mesma parroquia. Nesa ocasión queimou 25 hectáreas (23 correspondentes a monte arborado e as dúas restantes a raso). Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un número anónimo e de balde para denunciar calquera actividade delituosa de carácter incendiario: 900 815 085. C. E.