Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Un dos tres grandes premios recaeu na canle do boirense olaxonmario polo grande “impacto” do seu labor // Tamén foron recoñecidos o nicrariense Álvaro Alvite por ‘Lume’ e o rianxeiro Aquel-e pola entrevista á deputada Ana Pontón TEXTO Alba Prada

Youtubeir@s deixa galardóns en Barcala, Boiro e Rianxo

Os premios Youtubeir@s deixaron dous dos seus tres grandes galardóns na zona do Barbanza, un concretamente no municipio de Boiro. O afortunado foi olaxonmario, que se fixo co premio Youtubeir@ polo “grande impacto” do seu traballo ao “non pasar desapercibido en canto a novidoso e orixinal”, sinalou o xurado. A canle deste mozo de Boiro aborda con humor cuestións como o “binormativismo lingüístico”, os “discursos heteropatriarcais”, o “feminismo”, o “reggaetón”, o “humor do Land Rober” ou “os anuncios do Gadis”. Uns temas que non pasaron desapercibidos para os case 4.000 suscriptores cos que conta na actualidade.

O segundo galardón que recaeu na zona do Barbanza, concretamente en Rianxo, foi para o vídeo Xogando con Ana Pontón aos Sims, do youtubeiro Aquel-e en colaboración con olaxonmario, no cal entrevistan á deputada e candidada do BNG á presidencia da Xunta nas últimas eleccións xerais. Para o xurado, o vídeo representa “unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos usando outro tipo de canles e linguaxes diferentes ás tradicionais”. É por iso que obtivo o Premio Impacto. As tres primeiras categorías (na cal está Olaxonmario, o vídeo O Cabalo de Alberte Merlo, de Santiago, e a canle de Youtube pradorua) están dotadas con 1.000 euros, mentres que nas demais é de 500 €. En total, repartíronse 7.500 euros.

Tamén houbo sorte nun dos municipios máis próximos da comarca. E é que figura entre os premiados o colectivo barcalés FØ Records polo vídeo Lume, do nicrariense Álvaro Alvite Peillet. Vocalista de rap e trap, e tamén coñecido coma Camel blando, foi o autor do audiovisual recoñecido no certame. Estuda fotografía na Escola Mestre Mateo de Santiago, e para outorgalle o premio o xurado valorou que se trata dunha produción moderna cun tema propio que, segundo consideran, “actualiza a música galega a ritmo de trap”. En total foron entregados doce premios nesta cuarta edición, que foi a de maior participación, segundo aseguran os organizadores (os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, así como das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña). En concreto contabilizáronse 536 vídeos inscritos fronte aos 240 que se rexistraron o ano anterior.

Aínda que xa se coñecen os gañadores, este ano debido á pandemia non poderá realizarse unha gala presencial como era habitual. A cambio, emitiranse unha serie de entrevistas con finalistas e gañadores conducidas por Lucía Aldao e María Lado. A semana pasada puideron escoitarse xa a distintos finalistas e nos vindeiros días “emitiranse tamén por Youtube as conversas coas propostas gañadoras dos premios principais”, sinalan fontes da organización.

A coordinadora, Mónica Fernández Valencia, destaca “o gran incremento de participantes rexistrado neste anómalo 2020”, no que tamén aumentou “a variedade temática de contidos” e acabou por se notar “ tamén un refinamento na calidade técnica xeral”. Por outra banda, Fernández Valencia subliña que nestes anos os Premios Youtubeir@s serviron como punto de encontro e de estruturación para a incipiente comunidade creadora na nosa lingua en Youtube, que cada vez está máis “diversificada” e con maior conexión con outras plataformas creativas e dixitais, dixo. “Os obxectivos que nos marcamos con lemas como crear comunidade ou expandir a rede estanse a conseguir grazas ao labor e á evolución dos creadores/as”.

11 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.