Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A nova planta de transferencia de Cee poderá acoller 12.000 toneladas anuais

Ubicarase no parque empresarial e substituirá á actual situada no monte do Son // Saíron xa a licitación as obras de construción // O orzamento é de case 2 millóns

A Xunta de Galicia licitou este luns as obras para a construción da nova planta de transferencia de Cee, que virá a substituír á actual situada no monte do Son. A nova instalación poderá transferir máis de 12.000 toneladas ao ano de residuos ao complexo medioambiental de Sogama e prestará servizo aos concellos de Cee, Corcubión e Fisterra, podéndose ampliar ao outros próximos.

No día de inicio da Semana do Medio Ambiente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou os terreos do parque empresarial que acollerá esta nova planta, á que se destina un orzamento de case 2 millóns de euros para a súa posta en marcha. Estivo acompañada pola alcaldesa ceense, Margarita Lamela; os seus homólogos de Corcubión, Manuel Insua, e Fisterra, José Marcote; o presidente de Sogama, Javier Domínguez; a xefa territorial da Coruña, Cristina Carrión; o concelleiro de Obras, Rubén Villar; e o portavo do PP de Cee, Antonio Domínguez, entre outros.

Despois da adquisición de máis de 4.500 m2 de solo, dende a consellería aseguran que se mellorarán as prestacións, capacidade e calidade do servizo, xa que a actual, ademais de ser máis pequena presenta limitacións técnicas e operativas, incluso a nivel de accesibilidade para os camións de recollida do lixo.

A nova planta de Cee, ademais de acoller a bolsa negra (residuo convencional), poderá transferir a fracción de lixo correspondente á bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos de recollida selectiva), así como os residuos orgánicos recollidos de forma diferenciadas a través do quinto contedor, o de cor marrón.

A planta contará cunha nave de 600 m2 e un compactador fixo de maior capacidade, unha báscula, e un sistema de translación de contedores, con capacidade para tres unidades. Habilitarase un aparcadoiro de contedores, que será utilizado nas tarefas de cambio de

nos carros de translación ou ben para a ubicación dos mesmos nos carros de translación en tanto en canto non sexan transportados ao centro xestor. A instalación está dotada cunha depuradora de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumo da planta, fomentando deste xeito as enerxías renovables.

Vázquez Mejuto salientou que a nova instalación de Cee forma parte dunha rede planificada pola Xunta con criterios de eficiencia, sustentabilidade e eficacia, formada por 17 instalacións grazas ás que un total de 283 concellos (máis de 2,1 millóns de habitantes) disporán dunha planta de compostaxe ou ben dunha planta de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.

Esta rede está formada polas 13 plantas de transferencia e as catro de biorresiduos de Galicia. En relación con estas últimas, a de Cerceda xa está operativa baixo a xestión de Sogama; mentres que as tres restantes -a de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra)- xa se están a redactar os proxectos construtivos, ao tempo que se tramitan as correspondentes autorizacións ambientais.

En total, suman unha capacidade de procesamento de 46.200 toneladas anuais de residuos orgánicos e material estruturante, obtendo entre 12.000 e 13.000 toneladas de compost de calidade. Estas novas plantas complementarán ás públicas e privadas destas características, actuais e futuras.

A Xunta tamén prevé mellorar as plantas de transferencia, coa adaptación de sete delas, habilitando nas mesmas unha tolva específica para o transvase da materia orgánica (son as de Lugo, Ourense, Vigo, Silleda, A Rúa, Narón e Porriño —das que se están a desenvolver os estudos do proxecto técnico en cada unha delas). Igualmente, contempla a transformación de 5 microplantas existentes en novas plantas de transferencia de maior capacidade. Mentres que as plantas de Curtis e Ponteceso ampliaranse na mesma ubicación; no caso das da Cañiza e Riotorto estanse a estudar novos emprazamentos. Pola súa banda, a transformación da planta da Lama, actuación xa en licitación, implica o cambio de localización, pero dentro do mesmo parque empresarial.

Segundo manifestou a conselleira trátase dunha planificación responsable e con previsión para mellorar o servizo destas instalacións e axudar aos concellos galegos na obriga -que establece a normativa actual- de ter implantadas a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón, a final do ano 2023.

31 may 2021 / 17:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.