Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Achegan ó IES de Baio o rico patrimonio megalítico da Costa da Morte

O centro acollerá ata o 28 de xaneira a mostra itinerante do Seminario de Estudos Comarcais

Zas. O IES Maximino Romero, de Baio (Zas), acolle a exposición itinerante, As Antas da Costa da Morte, a través da cal se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo na Costa da Morte. A mostra, cedida polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), é un completo traballo de divulgación no que se explican elementos da nosa cultura: as antas que forman parte da paisaxe e que aínda hoxe son descoñecidas.

A exposición está constituída por vinte paneis que se inician cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario. Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos catorce monumentos aos que se propón a súa visita.

O alumnado coñeceraos primeiro a través da exposición seguindo unha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; posteriormente, na primavera, algúns dos estudantes achegáranse in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural.

A mostra, que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte, de Xosé María Lema Suárez, pode visitarse no instituto baiés en horario lectivo ata o próximo 28 de xaneiro. M. L.

19 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.