Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
COSTA DA MORTE. Deputación e os dez concellos que acollen os xacementos terán, de partida, un orzamento de 350.000 euros // Inclúense dezaseis monumentos // Queren así retomar un proxecto que foi paralizado pola pandemia TEXTO J. M. Ramos

Acordo para mercar este ano os dolmens do Parque Megalítico

O vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse en Carballo con representantes dos dez concellos participantes no Parque do Megalitismo da Costa da Morte co obxectivo de impulsar o proxecto despois do parón provocado pola pandemia.

Entre outras decisións, aprobouse o relevo na presidencia, que pasa de Dumbría a Laxe, e a aceleración das xestións municipais para completar a compra de dolmens e menhires este mesmo ano. Serán os propios municipios os que teñan que facer a tramitación de compra ou expropiación dos bens patrimoniais que serán adquiridos desta maneira co financiamento da Deputación por medio de convenios con cada un dos concellos.

Os representantes municipais comprometéronse a poñerse en contacto coas persoas propietarias dos terreos onde se atopan os bens patrimoniais para efectuar a compra ou expropiación. En total, o proxecto conta este ano cun orzamento de 350.000 euros, que se investirán maiormente na adquisición dos elementos megalíticos recollidos no proxecto: en total, 14 dolmens e 2 menhires, algúns dos cales pasaron xa a ser patrimonio público.

Ademais, o comité de dirección avanzou na necesidade de concretar un plan de sinalización de recursos ao tempo que se desenvolve o proceso de compra de terreos, así como na divulgación e na execución de pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal.

O Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente e, en concreto, nos dez concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña. “Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra, que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír á súa difusión”, sinalan ao respecto dende o citado organismo provincial.

Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan esencialmente das tumbas monumentais ou dolmens, que son en total 14 xacementos. Os seleccionados son Pedra Moura de Aldemunde, en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo; A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, e Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas.

Ademais destes bens patrimoniais, tanto a Deputación como os concellos integrados no parque teñen claro que o dolmen de Dombate, coñecido como a catedral do megalitismo, aínda que teña o seu propio plan director, será un recurso clave no mencionado proxecto.

A adquisición dos xacementos será o punto de partida dun proxecto que acumula anos de estancamento e que, nun futuro, se completará coa posta en valor e novas actuacións que configuren definitivamente o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, que virá complementar a oferta turística destes concellos atlánticos a partir do seu rico e variado patrimonio histórico.

O protagonista
“Queremos apurar a tramitación”
Xosé Regueira
Vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña

Á reunión, celebrada no Forum de Carballo, asistiron o vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Xosé Regueira, e os alcaldes e outros representantes municipais dos dez concellos involucrados no proxecto, que son A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Xosé Regueira sinalou que “despois da cesión dos créditos previstos para urxencias sociais pola situación provocada pola COVID queriamos retomar con forza os traballos de consolidación do Parque do Megalitismo da Costa da Morte”.

Asimesmo, amosou o seu convencemento de que “experimentará un importante avance este ano coa adquisición de bens patrimoniais claves para o proxecto”. Por iso, Regueira puxo sobre a mesa a necesidade de “apurar a tramitación para a compra dos dolmens e menhires incluídos no catálogo”.

Sinalar ademais que a xuntanza celebrada este luns na capital de Bergantiños foi a última presidida polo alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, xa que, en función do seu carácter anual e rotatorio en concellos de menor a maior número de habitantes, a partir de agora o cargo pasará ao Concello de Laxe. A idea agora é ir desenvolvendo, de xeito progresivo, as distintas liñas de traballo abertas para dar forma e encher de contido o proxecto.

{ Pasaba por aquí }
Lento, pero avanza
Manuel Lavandeira

Milleiros de anos de historia agardan, despois de múltiples promesas e iniciativas que, ata agora, quedaron en papel, por unha posta en valor a través do Parque do Megalitismo de Costa da Morte. A pandemia converteuse nun atranco máis para o proxecto que, aínda que lento, agora parece que bota a andar. Está claro que o primeiro ten que se converter en bens públicos os que son os grandes protagonistas destes museo histórico ao aire libre. Catorce dolmens e dous menhires que serán a esencia do futuro parque, chamado a ser un dos grandes reclamos turísticos da Costa da Morte. O museo xa está feito e agora só falta a súa posta en valor a través da sinalización, a accesibilidade, a divulgación e a promoción do legado milenario.

12 abr 2021 / 20:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.