Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 27 febrero 2021
21:42
h

Afafes reforza o seu apoio ós enfermos de alzheimer

En cinco anos consolidou os seus programas de asistencia nas comarcas de Fisterra e Soneira // Habilitarán un centro de día

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Fisterra e Soneira (Afafes) cumpre cinco anos cun proxecto xa consolidado e que vén medrando dende o seu comezo.

O seu obxectivo é brindar apoio e contribuir a mellorar a calidade de vida dos enfermos e das súas familias, prestando tamén unha especial atención aos coidadores. Para iso contan cun centro de atención en Cee, que lles foi cedido polo Concello, e veñen desenvolvendo varios programas de prevención, formación e terapéuticos.

A pandemia obrigou a Afafes a adaptar o seu proxecto ás novas circunstancias, non só a nivel do desenvolvemento dos seus servizos, senón tamén económico, “pero tentamos darlle continuidade porque é moi necesario”, afirma o presidente da asociación, César Bugallo. E non só iso, pois seguen marcándose novos retos. De feito, veñén de conquerir unha subvención para crear un centro de día, e confían en poder poñelo en marcha ao longo deste ano.

Unha iniciativa que complementará os servizos actuais, entre os que destaca o de terapias non farmacolóxicas que ofrecen no centro de Cee e que, por mor da pandemia “tivemos que ampliar e crear as terapias domiciliarias, impulsadas durante o confinamento, e que seguimos ofrecendo pois hai xente que, nalgúns casos por medo, non quere vir ao centro”, afirma Bugallo.

Trátase dun servizo máis personalizado, aínda que de menor duración (dúas horas semanais), polo que moitos dos usuarios volveron ás sesións grupais (tres horas diarias) que, non obstante, víronse reducidas a non máis de cinco persoas e sempre mantendo todas as normativas sanitarias para evitar contaxios. Un servizo para o que contan con máis de trinta usuarios, “aínda que o número varía dependendo das circunstancias”. Agora están á espera de saber sise verá afectado polas novas restricións.

A maiores Afafes densevolve un programa de prevención, bautizado como Vida Activa, aberto a todas as persoas, incluso a quenes non están enfermos, e que desenvolven, coa colaboración de concellos como Muxía, Carnota, Cee, Corcubión ou Fisterra, entre outros.

Trátase, segundo o presidente de Afafes, dunha iniciativa centrada en actividades de estimulación e prevención, na que participan unhas 300 persoas das comarcas de Fisterra e Soneira, aínda que tamén prestan servizo a outros concellos próximos como Carnota e Muros.

Para poder ofrecer este amplo abano de servizos, Afafes conta cun equipo profesional integrado por cinco especialistas en plantilla, que se ve reforzado puntualmente por outras dúas persoas, “e queremos seguir ampliando, pois é necesario porque se trata de prestacións moi individualizadas e persoais, pero temos que adaptarnos aos ingresos que, debido á situación actual, son moito menores”, sinala César Bugallo.

Para financiarse recorren a distintos programas de axudas e subvencións das administracións públicas e tamén de fundacións e outros organismos, ás que hai que engadir as aportacións das familias. Tratamos, engade o presidente, “de non endebedarnos, pois hai que lembrar que somos unha asociación”.

Os recursos económicos son importantes pero, César Bugallo ten claro que tamén o son os apoios que reciben dos concellos da zona e, especialmente do de Cee, que lles cedeu o edificio da antiga gardería, onde teñen a súa sede e no que habilitarán o futuro centro de día. “Igualmente, hai que subliñar de xeito especial o sacrificio de todos os traballadores que, máis aló da actividade diaria, adican moitas horas nas súas casas a preparar actividades”, conclúe.

26 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.