Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alertan da degradación do Museo Xardín de Man de Camelle

CAMARIÑAS. A asociación de veciños de Camelle e Mar de Fábula alertan sobre a degradación do Museo Xardín de Man. Así o constataron o pasado domingo durante a xornada de limpieza da contorna na que participaron voluntarios de todas as idades. Xosé Manuel Barros, portavoz de Mar de Fábula, asegura que as causas da degradación chegan tanto por mar como dende terra.

“Os detritos mariños que invaden o noso litoral tampouco respectan este recuncho único e singular”, afirma, ao tempo que sinala que, dende a terra firme, a xente, facendo caso omiso do letreiro que pon: Por favor, non pasar ao recinto do museo, pasa "e as súas pegadas sen xeito por riba dos bolos, por toda a superficie, acentúan a precariedade das estruturas creadas polo artista alemán que aínda seguen en pé", engade.

A todo iso hai que engadir, sinala Barros, que “os que non pasan e fuman, tiran as cabichas no chan afeando o achegamento a este lugar máxico”. Pregúntase se "os que visitan o Museo do Prado, en Madrid, tiran as cabichas na porta de entrada? Pois aquí é o mesmo, este tamén é un museo, o máis singular de todos”.

Os voluntarios que participaron na limpeza recolleron 2 estachas, 450 espumas de porexpan, 17 latas de cervexa, 52 cabichas, 38 envases de lentillas, 20 botellas de plástico, 80 cordas, 8 máscaras, 50 tapóns, 23 bastonciños de algodón, unha nasa e “moitos anacos de plástico rotos, desgarrados, con tendencia ao infinito...”, afirma.

Tanto a asociación veciñal como Mar de Fábula comprométense a seguir limpando o Museo Xardín de Man “porque unha ruína se está limpa é menos ruína”, conclúe Xosé Manuel Barros. J. M. RAMOS

29 mar 2021 / 18:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.