Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Álvaro Castillo gañou o Concurso de Deseñadores da Mostra do Encaixe

Máis de 21.400 persoas visitaron a feira de Camariñas // O sábado pasaron polo pavillón case 4.500 visitantes, unha cifra record nos últimos once anos

A XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas pechou as súas portas coa entrega de premios aos gañadores do XXVIII Concurso de Noveis Deseñadores. O primeiro premio, entregado pola concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, recaeu nas mans de Álvaro Castillo, que conquistou ao xurado profesional coa súa colección Remind, para a que utilizou tecidos e prendas da súa avoa, que faleceu e á que lle quixo dedicar o premio.

O responsable da planta de Vilán de Stolt Sea Farm, José Figueroa, entregoullle o premio a Mëu Kiez, de Pablo González Moreno, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección El Taller de Vanessa Parente e Beatriz Chan, que recibiu o premio de mans do fundador de Frigoríficos de Camariñas, Luis Canosa, acadou o terceiro posto. O Premio especial do público, entregado polo directivo da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, José Manuel Ameal, foi tamén para Pablo González Moreno, con Mëu Kiez.

Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios. Un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 €, un terceiro de 600 €, e o especial do público, tamén de 600 euros.

Optaron a estes galardóns un total de 25 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda. A procedencia dos noveis deseñadores foi moi diversa, xa que viñeron desde Asturias, Alicante, Guipúscoa, Pontevedra, Zaragoza, A Coruña, Cantabria, Zaragoza, Murcia ou Madrid. Formáronse nas mellores escolas a nivel estatal.

O xurado estivo composto polas deseñadoras e deseñadores Amaya Fernández, Edith del Valle, Modesto Lomba (presidente), Inés Fernández, Charo Carrillo, Felipe Santamaría, Franco Quintáns, Jorge de Álvarez e Esteban Freiría.

Na clausura, a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, afirmou que “chegado este momento podemos dicir con orgullo que moitísima xente encaixa no paraíso, tanta que o slogan podería ser Camariñas está de moda”. No seu discurso fixo unha referencia ao regreso das delegacións internacionais xa que “compartir a nosa arte con outros países é unha proba de que a nosa forma de entender a vida non ten fronteiras. Somos unha gran familia, esteamos en Peniche, en Novedrate ou en Sofía”.

A trinta e unha edición da Mostra do Encaixe pechou as súas portas logo de ser visitada por 21.478 persoas nos cinco días que durou a gran cita das puntillas. Hai que subliñar que o sábado contabilizáronse 4.500 visitas, o mellor dato de asistencia dos últimos once anos.

18 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.