Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 24 junio 2021
11:20
h

Ameixa a máis de trinta euros o quilo no inicio da campaña en Camariñas

Despois de máis de tres meses de inactividade, os profesionais do marisqueo de Camariñas volveron esta semana á area, e fixérono con bo pé. Alomenos esa é a sensación coa que voltaron á casa, ao comprobar que, a pesares dos estragos das riadas do inverno, “afortunadamente parece que imos ter ameixa”, afirmou o patrón maior, José Ramón Lema. E non só iso, pois a campaña comezou tamén con moi bos prezos, xa que a ameixa fina cotizouse a máis de 31 euros o quilo en lonxa, e a xapónica rondou, de media, os 13 euros.

Uns prezos que califican de “moi bos” para esta época do ano, o cal lles fai albergar a esperanza de que “se o recurso nos responde e non se torce nada, podemos ter unha boa campaña de verán”, sinalou Lema Romero. Parece, engadiu, “que esta vez tivemos máis sorte, pois noutras confrarías morreulles todo o marisco este inverno”.

Comezaron a traballar no banco da Paxariña, un dos máis extensos da ría de Camariñas, e inicialmente fixaron uns topes de capturas diarios de dous quilos de cada variedade de ameixa. A intención da agrupación é seguir traballando así os vindeiros días e, en función da cantidade de recurso e da evolución dos prezos, irán marcando o ritmo de traballo.

O que si perderon foron os bancos de berberecho, que na campaña anterior foi a especie que máis ingresos xerou aos mariscadores camariñáns. Non obstante, confían en que “se hai cría e o tempo acompaña, en xuño ou ullo xa poidamos dispoñer deste recurso, pois a súa capacidade de recuperación é máis rápida que no caso da ameixa”, indicou o patrón maior.

Ademais de dispor dun marisco de calidade, unha das claves do rexurdir do sector foi a implantación das poxas por Internet e o convenio asinado con máis de corenta depuradoras de toda Galicia, xa que iso revalorizou dun xeito moi importante tanto a ameixa como o berberecho.

A elo hai que engadir o servizo que presta a confraría de Camariñas aos seus compradores, “xa que lles servimos o marisco á porta; somos como Amazon”, dixo o dirixente do pósito. O seu principal mercado actualmente está centrado na zona sur. Este xoves levaron o marisco a Boiro.

12 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.