Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ampliación do paseo fluvial de Vimianzo cara o sur ata a Avenida de Fisterra

Esta é a terceira fase e o proxecto xa está en proceso de licitación por 135.000 euros

Vimianzo. O Concello de Vimianzo licitou a terceira fase do paseo fluvial na contorna do rego de Cambeda con cargo o Plan Único da Deputación da Coruña, nun proxecto que contará cun orzamento inicial de 135.000 euros. O prazo para presentar ofertas rematará o 12 de maio.

Esta é a terceira ampliación desta senda en dirección sur, ata a Avenida de Fisterra e comunicará coa beirarrúa mediante unha rampa de acceso peonil que salvará o desnivel existente.

Preténdese, así, conectar o paseo coa zona urbana, para que teña continuidade nas propias rúas do núcleo vimiancés. Gañará en dimensión e prestacións, e dará servizo a un maior número de habitantes, sobre todo nesta parte sur, que contará cunha alternativa moi atractiva para chegar ao centro da vila.

Existen tres espazos nos que o paseo deberá cruzar sobre cursos de auga, a modo de pequenas pontes: unha cruzará sobre a canle do Muíño da Agra; outra sobre o rego de Trasouteiro e unha terceira farao sobre o propio rego de Cambeda.

Colocaranse barandas de madeira, que serán idénticas ás xa instaladas nas fases anteriores, e que se situarán fóra da zona de servidume, entre o paseo e as fincas privadas. Desde goberno local defenden a necesidade de “realizar esta ampliación dun proxecto que, cremos, será fundamental non só para o recreo e fomento dun estilo saudable entre a nosa veciñanza, tamén no ámbito infraestrutural, mellorando as comunicacións”. M. L.

24 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.