Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
COSTA DA MORTE. Vimianzo amosará aos camiñantes o rico patrimonio histórico, etnográfico e arqueolóxico de Berdoias // En Muxía camiñarán ata o punto máis occidental da Europa continental // Ambas citas son o sábado, día 10 TEXTO J. Ramos

Andainas por vieiros fidalgos e á procura do último raio de sol

A Costa da Morte é un mundo por descubrir e para coñecelo nada mellor que pecorrer a pé as súas aldeas e vilas e os seus espazos naturais, que agochan en cada recuncho unha sorpresa. Esta fin de semana é unha boa oportunidade para facelo, xa que tanto en Vimianzo como en Muxía teñen preparadas as botas para camiñar por vieros fidalgos e ata onde se deixa ver o último raio do sol.

Logo de adentrarse nos Penedos de Pasarela e Traba, o Concello vimiancés convida este sábado, día 10, a percorrer o Vieiro Fidalgo, un roteiro recentemente sinalizado que conecta os lugares de Berdoias e Boallo. Ao longo do percorrido os camiñantes poderán contemplar o interesante patrimonio histórico, etnográfico e arqueolóxico de Berdoias. Visitarán tamén o dolmen da Casota de Freáns e os petróglifos do Pedrouzo, antes de guiar os seus pasos por fermosos sendeiros rodeados por carballeiras que conducen aos petróglifos de Boallo, onde farán parada tamén no pazo e a capela do lugar. De alí dirixiranse cara a carballeira de San Roque para logo volver sobre as súas pegadas ao punto de inicio da camiñada. A saída será ás 9.30 horas da igrexa de Berdoias.

A próxima cita será o día 17 de xullo, cun paseo pola historia na parroquia de Bamiro. En agosto haberá outras dúas rutas, unha de Vimianzo a Castrobuxán (día 14) e outra para descubrir os segredos do val vimiancés (día 21). O programa Recunchos rematará o día 11 de setembro coa Ruta da Mel.

Pola súa banda, o Concello de Muxía pon en marcha este sábado o programa Explora, coa fin de enxalzar, dar a coñecer os encantos do municipio e ofrecer á veciñanza actividades na natureza. O primeiro roteiro levará aos camiñantes ata Nemiña e ao cabo Touriñán, o recuncho máis occidental da Europa continental dende o cal se pode contemplar o último raio de sol.

Os camiñantes visitarán a praia de Nemiña, de area fina e augas bravas, percorrerán bosques autóctonos e aldeas que conservan a súa estrutura con casas de pedra, fermosos conxuntos de hórreos e até un orixinal pombeiro de pranta cadrada. O astro rei pasa pola aldea de Queiroso, onde os participantes poderán consultar a hora nun reloxo de sol. Dende o Concello muxián convidan a “gozar desta fermosa panorámica de mar e lombas, tradición e maxia, onde se mesturan calma e bravura para deleite de quenes se achegan a esta terra chea de historia viva”.

Os inscritos están citados ás 10.30 horas na praia de Nemiña. Par participar, tanto na ruta por terras de Muxía como no roteiro de Vimianzo, é obrigado o uso da máscara, manter a distancia de seguridade (1,5 metros) e evitar o contacto físico. Todas as andainas con circulares, con saída e chegada no mesmo punto e os camiñantes deberán trasladarse ao punto de inicio polos seus propios medios. Recomendan utilizar botas de montaña, roupa axeitada, bastóns de sendeirismo, sombreiro e protección solar, e levar unha mochila con comida e bebida.

SOLIDARIEDADE. En Ponteceso tamén saíran a camiñar e farano para descubrir os encantos da terra natal de Eduardo Pondal e, á vez, axudar á investigación para loitar contra o cancro. A ruta, organizada pola Asociación Abellariza, será o domingo día 18 de xullo, e partirá ás 10.00 horas do Campo da Feira da capital pontecesana.

Para participar é preciso inscribirse e abonar unha cota de 10 euros. Todos os fondos que se recauden serán doados á Asociación Española de Lucha Contra el Cáncer, a través da agrupación local de Cabana de Bergantiños.

07 jul 2021 / 16:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.