Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 26 enero 2023
22:05
h

Apelan a unha mediación das forzas políticas no conflito laboral de Xeal

O comité abordará a situación tamén coa directora xeral de Relacións Laborais

Cee. O comité de Xeal comeza este martes 22 de febreiro, unha rolda de contactos institucionais para abordar a situación das fábricas de Cee e Dumbría e o deterioro progresivo das condicións laborais. A primeira reunión será co grupo parlamentario do BNG, e o mércores terán unha xuntanza coa directora xeral de Relacións Laborais e, posteriormente, cos grupos parlamentares do PP e PSOE.

Ademais, o mércores 23, os traballadores e as traballadoras de Xeal trasladaranse até Compostela para realizar unha concentración de 11.00 a 12.00 horas diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano e reiterar a solicitude de reunión co vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde.

“Resulta intolerábel a inacción da Xunta ante o progresivo desmantelamento das capacidades produtivas das fábricas de ferroaliaxes, a destrución de emprego e os ataques aos dereitos dos traballadores e das traballadoras, mentres Xeal segue engordando os seus beneficios co negocio eléctrico a conta de explotar os recursos de todos e todas as galegas”, afirman dende o comité.

No marco das accións sindicais en defensa do mantemento íntegro do convenio colectivo propio e dos dereitos laborais e salariais conquistados polo persoal durante décadas, o comité solicitou tamén unha nova mediación, estando á espera da resposta por parte de Xeal. Xa interpuxera o conflito colectivo para que se siga aplicando o convenio de empresa mentres non se chega a un acordo para un novo convenio.

“Unha vez máis hai que denunciar que a dirección de Xeal continúa sen tomar medidas contra o denunciado por acoso sexual e laboral, malia ser condenado por vulnerar os dereitos dunha traballadora da que era o seu xefe directo. E neste senso, o comité reitera a esixencia de que se readmita de inmediato ao compañeiro do comité que foi despedido en represalia por ir de testemuña a favor da traballadora no xuízo polo acoso que sufriu”, inciden.

Apoio do BNG de Cee

Pola súa banda, o BNG de Cee amosou, a través dun comunicado, o seu apoio ás reivindicacións do comité de empresa e “dá ánimo as traballadoras e traballadores para que sigan loitando polo futuro seu, dos seus filos e fillas e polo de Cee e o de toda a comarca”, afirman.

22 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.