Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 27 febrero 2021
22:27
h

Aposta en Carballo e Camariñas pola axuda domiciliaria

Aproveitarán os fondos do POS para ampliar e reforzar o servizo ante a situación de pandemia

Os concellos de Carballo e Camariñas ampliarán e reforzarán o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cos fondos provinciais do POS+2021. Na capital de Bergantiños, a Corporación local xa deu o visto bo, por unanimidade, á proposta pola que destinarán 384.932,35 euros dos que aporta a Deputación a mellorar a atención domiciliaria.

“A situación de pandemia obriga a asumir custes con fondos que antes ían para outros fins, porque hai que atender as necesidades das persoas, e hai moitas”, afirmou o alcalde carballés, Evencio Ferrero. Ademais, agradeceu o apoio da institución provincial que, coa súa achega, permitirá reducir a contía que debe poñer o Concello de Carballo a 103.111,72 euros. A Xunta de Galicia achega a este servizo 851.274,79 euros.

Pola súa banda, o Concello de Camariñas levará ao pleno do venres a aprobación do Plan Único da Deputación da Coruña, do que destinarán un total de 100.000 euros para ampliar e reforzar o SAF.

Ademais da partida reservada para o referido servizo, a administración local carballesa acordou adicar aproximadamente a metade dos fondos do POS+2021, que ascenden en total a 1.413.303 €, a gasto corrente, “o que permitirá liberar os fondos municipais correspondentes para outro tipo de investimentos e axilizar deste xeito os procesos de contratación e a execución das obras”, sinalan.

Coa parte restante, o Concello acometerá este ano unha única obra: o abastecemento de auga dende o Igrexario de Lema ata Pedra do Sal, completando deste xeito a canalización principal da costa. Un proxecto que alcanza os 687.472,26 euros, dos que a administración local terá que aportar 60.530,93 €.

Pola súa banda, no Plan Complementario incluíron propostas relacionadas tamén co ciclo integral da auga. Entre os proxectos que se acometerán figura a mellora da rede de abastecemento de auga de distintas rúas da zona urbana, “co obxectivo de aumentar a eficiencia do servizo, evitar fugas e seguir eliminando tubaxes de fibrocemento (169.192.22 euros)".

Ademais, acometerán a conexión dos depósitos das dúas captacións de auga no Bardoso e no Anllóns para que, no caso de que se produza algunha incidencia, poidan separarse as redes e funcionar independentemente. O orzamento é de 145.158,91 €.

Completan o listado de accións previstas as redes de saneamento e abastecemento a Vila de Uz (Oza), valoradas en 230.194,51 euros, e a conservación de vías nos Vilares (Sísamo), unha actuación orzamentada en 232.168,15 €.

A Xunta de Galicia, pola súa banda, vén de adxudicar por 15.000 euros a redacción do proxecto para completar o abastecemento e o saneamento en varios lugares. Deseñarán unha rede de 16,7 quilómetros de abastecemento e de 9,7 de saneamento.

26 ene 2021 / 18:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.