Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Distincións Gañaron o certame Antonio Fraguas 2020 e ambos acadaran tamén anos atrás os galardóns de Artesanía de Galicia // Tanto o xoieiro de Teo como o ebanista asentado en Corcubión buscan a complicidade co medio TEXTO J. M. Ramos

Arte con premio para Rodrigo Riveiro e Frank Buschmann

Rodrigo Riveiro, artesán e xerente do taller Ferraxe de Prata, de Teo, e Frank Buschmann, ebanista alemán afincado en Corcubión, son os gañadores do XIII Premio Antonio Fraguas de Artesanía nas modalidades contemporánea e tradicional, respectivamente.

Un escornabois elaborado en prata de lei, madeira e louza foi a peza que lle valeu a distinción a Rodrigo Riveiro. Ademais de ser unha xoia única, como todas as súas creacións, esta ten detrás unha curiosa historia, que se remonta tres anos atrás, cando “rompín, por accidente, un prato de cerámica moi prezado na miña casa e, dende aquela comecei a pensar e a consultar a outros artesáns para ver como podería, en certa maneira, recuperar parte desta peza”, afirma o xoeiro teense.

A partir de entón incorporou este material ás súas creacións. Hoxe xa ten tres coleccións “nas que cada peza é única, porque só emprego louza partida”. Moita xente que o coñece xa lle leva tamén os anacos de pezas que lles rompen para que Rodrigo as transforme en xoias que lles permitan conservar “ese valor sentimental que teñen eses obxectos, pois é tamén unha maneira de manter un recordo da familia”.

A súa liña creativa está inspirada no Kintsugi, unha técnica de orixe xaponés que permite arranxar fracturas de cerámica con barniz de resina espolvoreado ou mezclado con polvo de ouro, prata ou platino.

Rodrigo Riveiro subliña que esta é tamén unha maneira de crear apostando pola “reutilización” e transformando as fracturas nun valor engadido. Amósase moi satisfeito con este nova distinción, logo de acadar o Premio Artesanía de Galicia no ano 2017, “porque estes galardóns, que teñen moita sona, son un recoñecemento de que o estas facendo ben e, ademais, por sorte, á xente gústalle”. Valora tamén a importante dotación económica do premio (6.500 euros) “porque o noso é un sector moi afectado pola covid-19 xa que se suspenderon todas as feiras de artesanía”.

Pola súa banda, Frank Buschmann, que tamén obtivo o Premio Artesanía de Galicia en 2019, acadou agora o Antonio Fraguas cunha cadeira de castiñeiro galego, da que o xurado destacou que se trata dun “traballo con técnicas de ebanistería tradicionais e factura exquisita”. E é que Buschmann busca “redescubrir los valores de la artesanía; los artesanos cuidamos el material y el recurso y, de esta manera, también el medio ambiente”, afirma. Aprecia as aportacións das novas tecnoloxías, pero “las máquinas no tienen valores, y no saben distinguir, tratan todo igual”, afirma.

O artesán, engade, desenvolve unhas aptitudes a través da aprendizaxe e o perfeccionamento ata converterse nun mestre do seu oficio. “Son todas cualidades positivas y beneficiosas para el conocimiento de uno mismo y el enriquecimiento de nuestra relación con el mundo. El artesano profundiza en el conocimiento de los materiales, de su naturaleza y de su comportamiento. Además, cultiva la paciencia, busca la calidad y la innovación, valores que forman parte de su caja de herramientas”, sinala.

Frank Buschmann leva cinco anos asentado en Corcubión. Di que recibiu o premio Antonio Fraguas “con mucha alegría”, e asegura que se sinte “muy bien acogido, integrado y valorado” en Galicia. Do seu taller saen pezas únicas, na súa maioría mobles, e tamén realiza traballos personalizados de rehabilitación que lle encargan os seus clientes. Moitos dos seus traballos son comercializados a través dunha galería con sede en Madrid. Ademais, a súa obra estivo presente en feiras de sona internacional como é Arco, da capital de España.

25 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.