Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Tempo de verán. Máis de trinta artistas exhiben a súa creatividade esta fin de semana en Corcubión, no festival Artenauta // Amigos do Liño amosou a veciños e visitantes a técnica do fiado no patio do castelo de Vimianzo // Dombate recuperou as visitas teatralizadas ao dolmen TEXTO José Manuel Ramos

Arte e historia na Costa da Morte

A Costa da Morte deu a benvida ao verán con moito arte e coa mirada posta no mellor da súa historia, tentando encher o tempo de lecer de veciños e visitantes con propostas lúdicas, culturais e formativas.

En Corcubión, dende o pasado venres e durante toda a fin de semana a creatividade artística espállase polas súas rúas da man de máis de trinta artistas que dan vida a unha nova edición do festival Artenauta. Unha cita que arrincou con obradoiros de cinema e serigrafía, un espactáculo de danza e música, a proxección do documental Man, el ermitaño artista, e música. Na xornada do sábado, nenos e nenas crearon un mural e o mariñeiro, poeta e pintor Xosé Iglesias presentou o seu álbum ilustrado Nación Mar.

A banda interxeracional de country-blues Deteriorados puxo a música na sesión vermú, e pola tarde Marimé Ciss, Ibrahima Pouye e Mouhamed Rassoul impartiron un obradoiro de cociña senegalesa. Ao que caeu a noite María Lado e Lucía Aldao presentaron a Epístola de Aldaolado ás neofalantes. A xornada pechouse coa presentación do recén estreado documental A costa das baleas, producido polas xornalistas ceenses Paula Castiñeira e María González Figueroa, e cunha sesión musical amenizada por Javi Pretty & Niño Rubén.

Artenauta continuará durante toda a xornada dominical. As actividades comezarán ás 12.00 horas coa representación da obra de teatro Aldara na montaña no monte Cambeiro. Estará protagonizada por Soraya Lema e o punto de saída será a casa da cultura ás 11.30 horas.

Despois, a partir das 13.00 horas, Lucía Senra Lado interpretará o monólogo teatral Murphy, de Fernando Castro Paredes. A sesión vermú conxugará poesía e música da man The Inversos (Suso Bahamonde e Johnny Somverville). Será no exterior do Carrumeiro. Pola tarde, a partir das 19.30 horas, Elisa Lema Gómez, interpretará o monólogo Punta, tacón, de Marina Gómez Pose, ao que lle porán música Samuel e Tomás Lagoa nos xardíns do peirao corcubionés.

O peche do festival terá lugar a partir das 20.00 horas cun pasarrúas festivo de concienciación sobre a contaminación do mar. Será un acto aberto á participación colectiva no que se poderán aportar pezas creadas co lixo recollida nas limpezas de praias realizadas nos días previos ao encontro artístico.

Pola súa banda, en Vimianzo comenzaron este sábado os obradoiros de artesanía no patio do castelo cunha clase de fiado do liño a cargo das artesás da Asociación Amigos do Liño de Galicia, que preside Carmen Riveiro. Foi ademais o punto de partida dunha nova edición da Mostra de Artesanía en Vivo, e entre as persoas que quixeron coñecer de preto as técnicas desta artesanía estaban as concelleiras María José Pose e Rosa Blanco.

O vindeiro sábado, día 10 de xullo, impartirase outro obradoiro para aprender a modelar o barro cos oleiros de Buño; o día 17 Chema Suárez ensinará a facer maquetas de barcos; o 24 Aspadex impartirá un taller de encadernación e cosido con coiro, e o día 31 a Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas protagonizarán a tradicional panillada.

Pola súa banda, en Cabana de Bergantiños, o dolmen de Dombate acollerá durante todo o mes actuacións musicais, teatro, monólogos e visitas teatralizadas e nocturnas. Este sábado, Os Quinquilláns regresaron á catedral do megalitismo para convidar aos visitantes a facer unha viaxe ao pasado a través do espectáculo No tempo das pedras. Unha experiencia que se poderá vivir todos os sabados de xullo ás 18.00 e 19.30 horas.

O días 10 e 24 de xullo celebraranse dúas visitas guiadas nocturnas ao dolmen. Comezarán ás 23.00 e 00.00 horas, respectivamente, e será preciso facer unha inscrición previa chamando ao 981 754 020. E o día 16, ás 22.30, está programado un concerto do grupo Oîma, un trío de música para baile de traidición galega que fusiona estilos europeos.

04 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.