Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Avanzan a bo ritmo as obras da senda de Corcubión que unirá Quenxe co faro Cee

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, e o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, visitaron as obras de construción dunha senda peonil e ampliación e mellora da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda, un proxecto que permitirá configurar un gran itinerario peonil e ciclista con espectaculares vistas á ría e que conectará a zona urbana de Quenxe co faro Cee. Os traballos avanzan a bo ritmo e que poderán estar rematados antes do verán de 2022.

José Manuel Pequeño destacou “a singularidade” da obra, cun orzamento de 928.777 euros, un dos maiores investimentos programados este ano na rede provincial de estradas e o maior realizado en Corcubión ata o momento. “Estas obras suporán unha notable mellora na seguridade, tanto para os numerosos veciños e veciñas que usan este itinerario para pasear, andar en bici e facer deporte como para os miles de visitantes que conflúen neste punto durante o verán”, explicou Pequeño. Destacou tamén que forman parte “dun ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil de 6 quilómetros de lonxitude que circunde boa parte costa de Corcubión”

O alcalde de Corcubión, Manuel Insua, subliñou tamén a importancia do investimento para crear este gran itinerario peonil “nun entorno natural tan privilexiado coma este”, xa que desde a zona divísanse espectaculares vistas do monte Pindo, a illa Lobeira ou cabo de Fisterra.

As obras en execución abarcan desde o punto quilométrico 0+780 (Quenxe) ao 2+554 bordeando a ría. Executarase a ampliación da vía ata os 7 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, beiravías de medio metro na marxe esquerda e unha senda peonil de 2 metros de ancho ao longo de toda a marxe esquerda da estrada.

As actuacións prolongaranse tamén ao ramal que conduce ao faro de Cee pasando polo campo de fútbol. Alí o vial contará cunha anchura de 6 metros, con dous carrís de 3 metros, beiravías de medio metro e unha senda peonil de 2 metros de ancho.

As actuacións completaranse nun futuro co proxecto da Senda dos Faros, incluído no Plan Director de Mobilidade do Goberno provincial, consistente na construción de rutas ciclistas e peonís que conectarán un total de 11 faros ao longo da provincia, entre eles o de Cee, que se atopa en funcionamento desde o 1860, e que permitirá crear unha gran senda para pasear arredor da península da Redonda.

A Deputación afianza con estes proxectos a súa aposta por un novo modelo de mobilidade, sostible e respectuoso co medio ambiente que leva non só ás áreas metropolitanas dos grandes concellos, senón aos pequenos concellos rurais da provincia.

11 nov 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.