Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Baio estreou a demandada praza

Está no centro da vila e dispón de fonte ornamental, zonas verdes e unha área de aparcamentos gratuítos con capacidade para setenta e cinco vehículos

Era unha vella demanda veciñal e despois de varios anos de trámites, a nova praza de Baio xa é unha realidade. Por iso o alcalde de Zas, Manuel Muíño, asegurou no acto inaugural que “hoxe é un gran día, tanto para Baio como para todo o Concello, xa que é un dos proxectos de maior envergadura dos últimos anos”.

Durante a presentación recordou que a praza é froito tamén dun procedemento inédito na Costa da Morte, debido a que a urbanización desta área fíxose mediante a ocupación dos terreos, en lugar da expropiación que é o máis común. “Foi unha obra moi complexa, que nos levou varias lexislaturas sacala adiante e moito traballo, pero hoxe estou orgulloso porque temos dúas das mellores prazas da Costa da Morte, unha é esta e a outra é a Praza do Campo do concello”, afirmou o rexedor zaense.

Subliñou que este novo espazo, ubicado en pleno centro de Baio, ten unha dobre finalidade. Dende o punto de vista urbanístico, integra dun xeito armónico unha zona cun gran valor medioambiental e paisaxístico, coma o paseo fluvial e a carballeira, co entramado urbano. E dende o punto de vista social “este espazo naceu como un punto de encontro interxeracional e tamén como un lugar para o disfrute e celebración de diversos eventos, tales como as festas da vila, feiras sectoriais e a propia feira de Baio, que está previsto facer o traslado nun futuro próximo”, indicou.

Esta nova infraestructura pública ocupa un espazo de case 6. 000 metros cadrados e está situada ao carón do paseo fluvial. Deseñouse seguindo as tendencias urbanísticas actuais: 100% accesible, diáfana e sostible. Ó estar catalogados eses terreos coma zona de cauce preferente por Augas de Galicia, deseñouse, en colaboración con ese organismo, en base a unhas características técnicas que permiten a rápida evacuación da auga.

A praza propiamente dita ocupa unha superficie de 1.500 metros cadrados. Está construída en forma de U, dispón de diverso mobiliario urbano móbil que a delimita e conta cunha fonte de auga transitable, que se fai máis espectácular á noite debido á súa iluminación.

Ademais construíuse unha zona de aparcamento gratuíta con capacidade para máis de 75 vehículos e unha vía que da continuidade a rúa Herbais da Ponte. Desta forma mellorouse a seguridade e o tránsito do tráfico rodado e peonil da referida rúa, que agora é de sentido único. As zonas verdes ocupan un total de 500 metros cadrados.

Os traballos foron realizados pola empresa Lires Cons e executáronse en escasos cinco meses. O Concello de Zas investiu un total de 314.988,72 euros neste proxecto, que foron financiados con fondos propios e sen necesidade de recurrir a ningún préstamo.

31 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.