Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Belkis Ayón é a protagonista da Galería de Mulleres este mes en Muxía

A artista cubana, que faleceu ós 32 anos, é un referente do gravado internacional

Muxía. O Concello de Muxía dedica a súa Galería Mulleres deste mes de xaneiro á cubana Belkis Ayón, unha muller considerada dos maiores expoñentes do gravado contemporáneo internacional.

Traballou as técnicas de gravado-litografía, xilografía, linóleo e destacou con gran mestría na técnica da colografía (técnica de impresión en relevo con incorporación de elementos texturados na matriz) na que logrou grandes formatos mediante a ensamblaxe de pezas.

Na súa temática afondou na sociedade secreta Abakuá, orixinaria da rexión do Calabar (na actual Nixeria), levada a Cuba polos escravos africanos a principios do século XIX. Comezou a traballar con esta temática en 1985. Belkis reinterpretou ademais a lenda dende a súa perspectiva de muller artista, negra, cubana, atea e contemporánea. As súas obras “teñen unha iconografía sobrecolledora, moi atractiva e á vez misteriosa. Moi contemporánea pero tamén fondamente primitiva”, sinalan dende o Concello.

Parte da lenda abakuá, pero a súa mensaxe é máis ben política: a loita polo poder ligada á supremacía de xénero. É fundamental a personaxe feminina da lenda, a princesa Sikán que é sacrificada: «Sikán é a personaxe, a nai de todos os abakuá, a gran iniciadora sacrificada”.

Coas súas obras, Ayón constrúe un discurso universal contra a marxinalidade, a frustración, o medo, a censura, a intolerancia, a violencia, a impotencia e -a falta de liberdade. A finais dos 90 -tamén da súa vida- traballa con imaxes autorreferenciais asociadas a experiencias persoais. Historias de amor desgarradoras, conflitos e dor suxerida xa nos títulos das obras: traición, agonía, soedade, perda de afectos, profundos medos, desasosego, acoso e anguria.

A súa prolífica traxectoria quedou truncada cando Belkis se quitou a vida, á idade de 32 anos. Os seus familiares e amigos descoñecen os motivos. A arte foi o seu xeito de comunicarse. Deixou unha obra grandiosa para a cultura cubana e para o mundo. Dende o Concello recomendan consultar a mostra das súas Colografías no Museo Reina Sofía de Madrid: https://www.museoreinasofia.es/exposiciones/belkis-ayon.

06 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.